O 22 de febreiro celebrábase en Paradela, a Cata de Calificación da colleita 2018 na D.O. Ribeira Sacra. Por segundo ano consecutivo a puntuación era EXCELENTE, valoración que non se obtiña desde o ano 2000. Así abríase un ano de recoñecementos, premios, promocións nacionais e internacionais e visitas, como a dos consellos reguladores do viño de España, que celebraron a súa Asemblea anual na D.O. Ribeira Sacra para mostrar o respaldo do sector á candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade. Este ano sería tamén o de maior cantidade de uva recollida na historia da Denominación, alcanzando os 7.262.831 quilos de uva de excelente calidade nesta campaña.
No 2019 a D.O. Ribeira Sacra acudiu a Fitur, Enofusión, Prowein, Vinis Terrae, Gourmets, Fenavin, Vinexpo Bordeaux e a finais de maio acudía por primeira vez á London Wine Fair, aposta da D.O. polo mercado anglosaxón.
Outras experiencias internacionais do 2019 trouxeron á D.O. Ribeira Sacra a unha Misión Inversa Finlandia e Estonia, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra protagonizou catro masterclasses destinadas ao sector hostaleiro de EEUU, organizadas por The Guild of Sommeliers. Xa en agosto vistaba a D.O. Ribeira Sacra, a D.O. Txakoli de Getaria.
A revista Decanter colocaba a comezos de 2019 no podio dos 11 mellores Mencía de España, 5 viños da D.O. Ribeira Sacra. A finais de xullo coñecíase que a edición 2020 da Guía Peñín sitúa á D.O. Ribeira Sacra como a terceira mellor valorada na clasificación de Denominacións de Orixe de España, cunha valoración de 90,67; O que a levou a ser protagonista do XX Salón dos Mellores Viños de España. Das 73 referencias que conforman as “Distincións Gallaecia 2019”, da Asociación de Sumilleres Gallaecia, 10 foron para a D.O. Ribeira Sacra. Na Cata Concurso de “Viños Tintos Galegos” que organiza a Irmandade dos Centros Galegos en Euskadi, a D.O. Ribeira Sacra protagonizou un ano máis o podio.
Na XXXI Cata dos Viños de Galicia, a D.O. Ribeira Sacra obtiña os seguintes premios:
- Acio de Ouro ao mellor tinto da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para Casa Moreiras de Casa Moreiras S.L.
- Acio de Ouro Tinto en Viños de elaboracións con madeira para 12 Adega Vella Barrica de Jorge Feijoo González.
- Acio de Ouro en Viños Ecolóxicos para Abadía da Cova de Adegas Moure S.A.
Nos premios HGg& T resultaban dinstinguidos 18 viños de 14 adegas da D.O. Ribeira Sacra. E na Guía de Viños de Galicia 2020, a D.O. Ribeira Sacra conta con 19 Medallas de Gran Ouro, 140 medallas de Ouro e 37 medallas de Prata. Reciben ademais 4 Trofeos Ampelos, Adegas Moure, Algueira e Roberto Regal López.
Premios Viticultura Extrema e Ribeira Sacra
Dúas citas reúnen cada ano ao sector cos seus correspondentes xantares de confraternidade. A comida de Nadal na que se entregan os premios do Mondial des Vins Extremes, nesta ocasión foron 19 os viños premiados; e a Cata dos Viños da D.O. Ribeira Sacra. Dos 67 viños presentados a esta XXV edición da cata, recibían premios:
Na categoría de brancos: Terceiro premio: Viña Vella de SAT Virxe dos Remedios; Segundo premio: As Glorias, Adegas Amedo; Primeiro premio: Abadía da Cova de Adegas Moure.
Na categoría de tintos: Terceiro premio: Casa Moreiras Selección de Casa Moreiras S.L.; Segundo premio: Abadía da Cova de Adegas Moure; Primeiro premio: Cruceiro da adega Ramón Marcos Fernández
Na categoría Viños doutras Anadas presentáronse 18 viños polo que se establecen dúas Medallas de Ouro, ao superar as 14 mostras participantes. Os premios recaeron en: Capador, viño tinto summum barrica 2017 da adega Manuela Valdés Pérez e Sollío, Mencía barrica 2017 da adega, Juan Alberto Álvarez Rodríguez.
CECRV
Ademais de conferencias, mesas redondas, cursos e o patrocinio e colaboración con diferentes actividades, a D.O. Ribeira Sacra estivo moi vinculada á CECRV o 2019. A Denominación deuse cita nun catamarán polo río Sil para celebrar o Día Movemento Viño D.O., cita promovida pola CECRV, Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas que reivindica o viño con Denominación de Orixe.
A CECRV volvería ser protagonista nesta D.O. do 24 ao 26 de outubro, xa que Ribeira Sacra acollía a celebración da XXIV Asemblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas, que trouxo a este territorio á representación do 98% da produción de viño con Denominación de Orixe en España, que ofrecía nun acto co Conselleiro de Cultura en Belesar, o seu respaldo á candidatura de Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. CECRV saía fortalecida da súa cita en Ribeira Sacra e a D.O. Ribeira Sacra, poñíase como exemplo en España de como o viño definiu a paisaxe e dinamiza o territorio.
Recoñecemento ao territorio
No Nadal do 2018, o Consello da Xunta daba luz verde ao decreto que declara Ben de Interese Cultural (BIC), a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Era un paso imprescindible para que a Unesco admita estudar a declaración desta área xeográfica como Patrimonio da Humanidade.
En abril do 2019 coñecíase que Ribeira Sacra sería a candidata oficial de España a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2021. En agosto deste ano facíase oficial a candidatura de Ribeira Sacra, O Courel e a Serra do Oribio a converterse na sétima Reserva da Biosfera de Galicia.
Este 2019 tamén nos deixa a declaración do municipio de Pantón como Municipio Turístico, sumando 7 na Ribeira Sacra, con Monforte de Lemos, Chantada, Quiroga, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.