O Alcalde de Monforte, iniciou a súa intervención resaltando que “o noso obxectivo é poñer en valor o noso pasado xudeu que temos en común, que supón un importante influxo cultural que chega ata os nosos días e tamén un potencial turístico moi importante. É para min unha enorme satisfacción poder mostrar hoxe no Stand de Galicia en FITUR, unha pequena mostra da importancia e a pegada que a cultura xudía deixou ao longo dos séculos na cidade de Monforte”.
O rexedor monfortino explicou que os membros da Rede de Xudería “actuamos de forma conxunta en defensa do patrimonio histórico e do legado xudeu, promovendo proxectos culturais, turísticos, académicos e realizando unha política de intercambio de experiencias nacionais e internacionais que contribúan ao coñecemento e respecto mutuo dos pobos, das culturas e das tradicións”.
Por iso, o Equipo de Goberno de Monforte, potencia e destaca o pasado sefardí da cidade, coa promoción de iniciativas que axuden a potenciar os recursos culturais relacionados con dito pasado. “En definitiva”, salientou o Alcalde “estamos ante unha historia oculta moito tempo, desvelada logo de 500 anos e agora recuperada, defendendo o legado xudeu, que é fundamental para o enriquecemento da nosa cultura e a potenciación da nosa oferta turística”.
Antes de rematar a súa intervención José Tomé Roca desvelou que para esta presentación dende o Concello se elaborou un vídeo promocional, de dous minutos e medio, que se proxectou no stand de Galicia logo de rematar o seu discurso, “un vídeo que é un exemplo claro da pervivencia da cultura xudía na cidade de Monforte dende a época dos Reis Católicos ata os nosos días” e que ten por obxectivo animar ós que o vexan a visitar a cidade do Cabe e descubrir a súa importante pegada sefardí.