Este mandato municipal será a primeira experiencia na política para a sarriana María Eugenia Valcárcel López. Confesa que xa fora en dúas ocasións anteriores na lista con Claudio Garrido, actual alcalde, e que sempre o fixo como independente; e foi nesta terceira oportunidade na que entrou a formar parte do goberno local, con moitas responsabilidades e cunha das dedicacións exclusivas que se asignaron no concello.
Falamos con ela sobre igualdade quedándonos claro tras a conversación dúas cousas, que as políticas sobre muller e igualdade que se fagan en Sarria non van concentrar as actividades só nos meses de novembro e marzo e que a concienciación ten que comezar xa na casa, “dende o minuto cero” e “educando en xenérico, sen facer distincións por razón de sexo”, concreta a concelleira.
Levas unha concellería completiña en temas, non?
E aínda faltan algúns (risas).
Centrándonos nos de muller e igualdade. Como prepara o Concello de Sarria o 8M?
No Concello de Sarria xa se veñen facendo actividades a través do CIM -Centro de Información á Muller- co cal pensamos que cómpre estar máis activos en épocas nas que o tema está menos visibilizado e non concentrar todo en momentos concretos.
O sábado 7 de marzo temos a ‘Carreira da Muller Vivas e Visibles’. Farase en modalidade de carreira para maiores de 12 anos e en modalidade de andaina para todas as idades, ambas cun percorrido de 5 quilómetros. En total hai uns 632 inscritos/as. Os dorsais e as camisetas entregaranse entre as 16:00 e as 17:30 h. no Malecón sendo a saída ás 18:00 h. no bulevar de Calvo Sotelo con Catro Camiños. O domingo 8 haberá unha manifestación organizada polo colectivo ‘Mulleres de raíz’ con saída do concello ás 12:00 h. e tendo como remate a Praza da Vila. O lema, co que non estou de acordo, é “saca o mandil e a cazola á rúa”.

E logo por que?
O colectivo organizador anima a sumarse a esta marcha vestidos con mandil e cunha cazola e eu non estou de acordo para nada. Eu ao revés, se houbese unha queima de mandís levaría o meu… Estou en contra da identificación de mandil con muller.
Volvendo á primeira pregunta e para darlle continuidade. Cal é logo a estratexia política de muller e igualdade para estes anos?
Repartir as actividades ao longo do ano e non centralas en meses concretos. Non queremos concentrar os temas de violencia de xénero en novembro nin os da muller en marzo. Non se trata de facer moito un día e nada ou pouco os demais, considero que todo o ano ten que haber unha continuidade no labor de educar e de sensibilizar. Nun día é imposible educar, fai falta un traballo de continuidade ao longo do ano.
“Non queremos concentrar os temas de violencia de xénero en novembro nin os da muller en marzo”
A intención é seguir facendo charlas e obradoiros, fomentando a igualdade dende a infancia. Temos que poñer o acento nas actividades, eu incluso empezaría con elas nas garderías e dándolle continuidade nos centros educativos. E sempre buscando a implicación dos pais.
Como cidadá, que opinión che merece a concienciación sobre igualdade dos veciños e veciñas de Sarria?
Avanzouse moito e queda moito por facer. Ver, por exemplo, no equipo que temos de ximnasia rítmica que a maioría son rapazas e cando vemos un rapaz parécenos raro ou dicimos que é un valiente, ou escoitar en conversas a homes dicindo “a miña muller comigo non terá queixa”… Aínda pesa no subconsciente que a casa e os fillos/as son responsabilidade da muller. O estereotipo da muller é moi difícil de eliminar, mellora a concienciación pero aínda falta.
escoitar en conversas a homes dicindo “a miña muller comigo non terá queixa”…
Non cres que sería necesario darlle un enfoque máis xenérico ás actividades de fomento da igualdade e non centralas tanto nas mulleres?
Eu son partidaria de que non se fagan diferenzas. Se pretendemos educar en conxunto, as leccións non se deben facer por separado. Ás charlas deberían vir e participar tanto homes como mulleres.
Que pasa coa participación dos homes, logo?
Veñen os que non necesitan vir ás charlas, os que xa están concienciados. Os que non están mentalizados xa non veñen.
E como se pode chegar a eles?
Difícil. Tíldante de feminista ou feminazi incluso por promover estas actividades… Ás veces sintes impotencia ao ver o difícil que é avanzar, non sabes como estimular a asistencia a estes eventos de máis homes. Quizais por presión social se poida avanzar algo. Que a conciencia do resto da sociedade, familia e incluso fillos, faga entrar o tema na casa.

Como concelleira de igualdade en Sarria, que consellos lle darías ás familias para unha educación en igualdade?
Dende o minuto cero empeza a concienciación e a educación en igualdade. Hai que educar en xenérico, non ‘educar a un neno ou educar a unha nena’, hai que educar sen facer distincións. Educar en valores, en tolerancia e en colaboración. Cando se fagan tarefas na casa cos fillos facelas para nenos e para nenas, sen diferenciar, esquecéndonos do xénero. E vaiamos tamén eliminando frases feitas e aprendizaxes obsoletos.
“Hai que educar en xenérico, non ‘educar a un neno ou educar a unha nena’, hai que educar sen facer distincións”
A igualdade ten que ser ‘no contido’. Eu teño tamén moito que aprender, fun educada nunha cultura na que a igualdade non se tiña en conta e eliminar estereotipos costa… cómpre moita autoaprendizaxe e moito autoesforzo.
A CARREIRA
A proba absoluta disputarase sobre un circuíto de asfalto e sendeiros, mesturando zona urbana con natureza cunha volta de 5 quilómetros con apenas desnivel. A saída terá lugar no bulevar de Calvo Sotelo á altura de catro camiños con dirección Samos para despois xirar á dereita pola rúa Castelao. No cuartel da Garda Civil seguir dirección ponte das Aceas para volver pola zona do campo de fútbol ata a estrada de Monforte. Alí de novo Castelao, pavillón de baloncesto, piscina e cruzando a zona do hotel a meta no Malecón. Estará debidamente sinalizada e contará con avituallamento líquido e sólido ao rematar.
