Monforte homenaxea á única muller fusilada oficialmente polo franquismo nesta provincia

O Concello de Monforte de Lemos rendeu homenaxe este sábado, 7 de marzo, a Consuelo Alonso, represaliada no inicio da sublevación militar pola Falanxe, que a detivo, castigou e rapou o pelo. En 1937 ingresou na prisión de Monforte e o 9 de febreiro de 1938 trasladárona a Lugo para ser xulgada en consello de guerra.

O alcalde de Monforte, José Tomé, entrégalle un ramo de flores á doutora da USC que investigou a historia de Consuelo Alonso, María Jesús Souto Blanco, nun acto de homenaxe á muller represaliada | Fonte: Concello de Monforte.

O acto tivo lugar no Salón de Plenos do concello e nel estiveron presentes, ademais de gran parte da corporación municipal, a doutora María Jesús Souto Blanco -investigadora da figura da Consuelo Alonso-, a parlamentaria monfortina Concepción Burgo, e dúas netas da homenaxeada con parte das súas familias.

Recepción dos familiares no Salón de Plenos / XdL

No transcurso do mesmo lembrouse a Consuelo como exemplo de muller loitadora e comprometida coas súas ideas nun momento no que cuestionar ao réxime franquista pagábase caro.

Consuelo Alonso González era natural de Xixón e chegou a Monforte acompañada polo seu marido, Ángel Pérez Muñoz, quen tomou posesión do cargo de alguacil do xulgado de Monforte, en novembro de 1930. Nin ela nin o seu marido agochaban as súas inquedanzas políticas e dende o ano 1933 comezou a ser encausada e condenada en varias ocasións por expresarse libremente as súas ideas antifranquistas.

Consuelo Alonso coa súa filla Pilar

Co inicio da sublevación militar foi represaliada pola Falange, que a detivo, castigou e rapou o pelo. O 29 de decembro de 1937 foi denunciada ante a Jefatura de Investigación e Vigilancia de Monforte, e ese mesmo día ingresou na prisión da cidade.

O 9 de febreiro de 1938 foi conducida a Lugo para ser xulgada en Consello de Guerra. Permaneceu no cárcere provincial ata o 13 de maio de 1938, día en que foi fusilada. Tiña 40 anos e 4 fillos.

Máis información no Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here