Héctor Ferreiro Abelairas de Taboada e José Luis Fernández Pedreira de Chantada puxeron en marcha no 2017 a adega CastroFiz, na zubzona de Chantada. Este ano, por primeira vez, acudían á Feira do Viño de Chantada, cita que valoran como un éxito. Falamos da experiencia da adega despois de 3 anos e con Ribeira Sacra pendente de ser declarada Patrimonio da Humanidade, cun Héctor afónico, despois de 3 días de Feira do Viño, “Tanta xente, a música e todo o tempo falando dos viños, claro, a garganta resíntese”, sinala.
Ademais da afonía, que sensación vos deixa a primeira asistencia á Feira do Viño de Chantada?
En xeral moi contentos todos, creo que tivemos unha boa acollida; sobre todo, tendo en conta que a maioría da xente non nos coñecía. A xente que o probou dicíanos que lles recordaba ao viño de sempre das ribeiras do Miño. A maioría da xente dicía que lles gustaba moito. A Feira é bastante cedo, creo que para estar perfecto o viño necesita máis tempo de botella. Cara abril, maio, aínda estará mellor.
A estrea na Feira fixéstela con premio, CastroFiz Barrica 17 levou o segundo premio da categoría outras anadas da cata oficial da Feira do Viño.
Este viño é o primeiro barrica que facemos e está resultando unha grata sorpresa, xa tivo premio en Aosta o ano pasado, medalla de ouro no Mondial des Vins Extremes. Parece que a forma de elaborar o barrica e as variedades que nós temos de Garnacha, Grao Negro, Mencía e Sousón maridan moi ben coa madeira.
Onte están as viñas de CastroFiz?
En San Fiz, en Chantada no Castro da Arribada, ladeira sur cara o Asma, cun terreo de granito e lousa; en Sobrecedo (Taboada), aquí é lousa e lousa, e cepas vellas das distintas variedades. En Chantada estamos recuperando cepas vellas e prantando cepas novas de Sousón e Mencía. Pero onde máis viñedo temos é en Castelo (Taboada). Aquí estamos traballando o branco,… Godello, Treixadura, Branco Lexítimo e Dona Branca. Estamos con probas para ver o tipo de elaboración que se asocia máis ao noso tipo de uva. Fixemos unha elaboración artesanal este ano para probar, fermentación no seu propio bagazo sen prensar. O primeiro é chegar a un equilibrio que nos guste a nós e despois empezalo a vender.
Case 3 hectáreas de viñedo, para que produción?
Do CastroFiz facemos 3.300 botellas, do barrica 800 e serán 800 de branco. O ano pasado sacamos unha liña a maiores, CastroFiz tradición, viño fermentado en madeira de roble francés, non é barrica nin é do ano; estamos probando, sacamos 1.500 botellas. Chamámoslle tradición porque recupera as técnicas de antes do viño en madeira e a fermentación en madeira.
Como comeza a adega CastroFiz?
Eu sempre fun un namorado da viña e da ribeira, gran defensor do viño do Miño, así, fresco. Sempre fun namorado da zona e facía viño para autoconsumo. Meu socio é un dos meus mellores amigos de sempre; nas xuntanzas falabamos de encaixar pezas porque el é un entusiasta do viño e goza co viño e a min gústame a elaboración. Fóronse mercando viñas, recuperando outras. Vimos que podiamos encaixar coa filosofía de viticultura que temos, que é recuperar o de antes facéndoo o mellor posible. Entre o que se comprou e o que recuperei do que tiña, xuntamos 3 hectáreas e parece que á xente lle comeza a gustar, veñen restauradores da costa, sobre todo, que lles gusta o viño e as elaboracións que facemos… Aí estamos, a ver a onde imos parar. Temos a intención de en 3, 4 anos chegar a unhas 22.000 – 25.000 botellas. Pero, sobre todo, queremos traballar a calidade, é prioritario frente á cantidade; traballar a calidade e experimentar para seguir mellorando.
Como ves o sector do viño na Ribeira Sacra?
Estase mellorando moito a nivel colectivo, as elaboracións do viños son mellores. Pero creo que temos dúas circunstancias, que segundo como se aproveiten poden ser debilidades ou oportunidades, o envellecemento de moitos propietarios de viñas con falta de relevo xeracional e necesítase profesionalizar máis o traballo na viña. Falo, por exemplo, de ciclos formativos xa non só para persoal técnico, senón para profesionais que lles guste a viña e saiban traballala nas distintas fases, e que iso reflicta no seu salario. Tampouco se pode pretender traballar unha viña e pagar pouco, sería importante ter a xente nova contenta con salarios dignos. Facer cooperativas de servizos, que a xente se forme, e a cooperativa podería defender mellor os salarios.
E pendentes da declaración de Patrimonio da Humanidade…
Para mín chégase aquí principalmente, porque hai estas viñas; pero sabes canta xente me dí: por favor lévame estas viñas, que se non quedan abandonadas. Entón, falta persoal cualificado de servizos para que esas viñas non se abandonen, ou podémonos quedar sen o viñedo, que é o máis especial deste Patrominio da Humanidade. Quedarán as zonas boas de viñedo nas que haxa servizos para acceder aos sitios. se non hai servizos non se pode acceder ás viñas e van quedar abandonadas, porque a xente maior xa non pode e relevo xeracional non hai. Con 42 anos son dos máis novos que estamos no tema da viña. É preocupante. Política e veciñanza deberían ir da man neste tema, ou en 10 – 15 anos esto vai a ser un pao moi grande porque se abandonarán moitas viñas boas.