O Goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” do proceso de desescalada posibilita a reapertura deste servizo baixo unhas regras que en Galicia están xa establecidas desde o 24 de marzo pasado, para garantir a seguridade das persoas, coas debidas medidas sanitarias e de distancia social.
A Xunta ten en marcha tamén a rede Mercaproximidade, pero considerou que esta medida debe verse complementada coa reapertura dos mercados locais, cando menos mentres non se normalice plenamente a situación da vía Horeca (de hostalaría e restauración).
Na reunión telemática da Conferencia Sectorial de Agricultura co ministro Luis Planas, o conselleiro do Medio Rural, José González, reclamou tamén ao ministro, a reapertura dos mercados de gando, tendo en conta o mesmo proceso de desescalada e sempre adoptando todas as medidas sanitarias precisas.
Entrada de leite foráneo
O conselleiro aproveitou a videoconferencia para urxir ao ministro a que convoque a Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo, co obxectivo de buscar solucións que poñan fin á entrada de cisternas dende Francia e Portugal con leite de vaca e produtos lácteos a prezos por baixo dos custos de produción.
José González tamén pediu que se inste a lexislar á Comisión Europea para que cada operador da cadea alimentaria deba pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior aos custos de produción.
Nesta Conferencia Sectorial tamén se abordou a repartición de fondos, por parte do Estado, para o correcto funcionamento de diferentes políticas das comunidades autónomas en materia agraria. O titular de Medio Rural lamentou que as cantidades destinadas a Galicia sexan insuficientes para poder seguir co mesmo nivel de intensidade os traballos que cómpre desenvolver no terreo da sanidade vexetal.
Consumo de froitas na escola
O conselleiro salientou que Galicia, “porque fixo os seus deberes”, sae moi ben parada na repartición de fondos do Programa Escolar de Consumo de froitas, hortalizas e leite. Así, no que atinxe especificamente ás froitas, Galicia, de acordo cos novos criterios de asignación e en atención ao seu bo grao de execución en cursos pasados, recibe para o curso 2020/2021 unha cantidade superior á dos últimos anos. É a segunda comunidade que máis incrementa a cantidade asignada (un 27,3%), despois das Canarias, ata superar os 635.000 euros en total, remarcou González.