As medidas de alivio do confinamento que se están tomando permiten a saída para pasear e facer deporte nos horarios establecidos, a apertura de restaurantes e cafeterías que vendan comida para levar ou o servizo dos pequenos comercios con cita previa.
Na Fase 1 a partir do día 10, permitíase abrir as terrazas ata un 30 % da súa capacidade, pero ampliouse ata o 50%. Terá que haber unha distancia mínima de dous metros entre as mesas e os grupos de clientes terán un máximo de dez persoas. Ademais, haberá que desinfectar as mesas entre un cliente e outro e non se poderán utilizar cartas de uso común nin servilleteiros. Unha vez superada a Fase 1, permitirase un terzo do aforo da sala e só para as mesas, polo que non se poderá utilizar o servizo de barra. Na Fase 3, suavizaranse as restricións de aforo, pero manteranse “estritas condicións” de separación entre o público.
“Se se abre así van pechar moitisimos máis da metade, non só aquí.”
Como afronta a hostalería da Ribeira Sacra esta situación? “Como van estar?” contesta á outra banda do teléfono Beatriz Vila, responsable da zona sur da APEHL, “A situación preocupa moito. Desde a asociación o do aforo parécenos ridículo. Estamos a traballar para que o hostaleiro poida abrir sen perder diñeiro. Agora mesmo se abren a persiana, perden diñeiro. Hai que flexibilizar os ertes porque van ter que coller persoal e non poden asumir persoal, un aluguer,… cando non chega nin para a luz.”
A hostalería é un sector que dá moitos postos de traballo directos e xenera moitos postos de traballo indirectos, pero nestas condicións non se pode soster e máis cando moitos alugueres séguense cobrando e non hai ingresos, por iso piden axudas aos alugueres “Houbo alugueres que se se negociaron, pero houbo moitos outros que os propietarios non perdoaron un peso e estamos a falar de alugueres de mil e pico de euros. Houbo quen pasou de 1.800 a 1.300, pero non hai ingresos. Alguén que ten 10 mesas non pode pagar mil e pico euros.”
Habilitáronse préstamos de ata 25.000 euros para pequenos hostaleiros, pero o sector asegura que non solucionan moitos dos problemas e os créditos ico tampouco axudan porque están máis enfocados a grandes empresas, sinalan. “O ideal, antes de abrir calquera negocio é que haxa unhas medidas hixiénico sanitarias que non temos. Preparamos unha guía para que se aprobe, onde di que facer para que o cliente se senta o máis seguro posible e tamén os traballadores. Traballamos niso, axudas para alugueres,…e o dos ertes é fundamental, se abre e ten que coller a outra persoa non pode porque non gaña para iso, que os poida ir collendo aos poucos e que os traballadores poidan seguir cobrando un erte. A cousa vai estar moi amolada. Teñen que facerse moitas cousas para poder abrir. Avecíñanse meses moi duros, e téntanse que os ertes non se convertan en eres. Se se abre así van pechar moitisimos máis da metade, non só aquí.”
Neste momento de incerteza no que hai que volver a camiñar despois de case dous meses parados e cunha morea de limitacións, a hostalería vese desamparada. Beatriz Vila asegura que neste tempo fixo moitas veces de psicóloga e a mensaxe que transmite é a de colaboración das administracións e unidade de todo o sector. E aposta pola confianza na Ribeira Sacra como territorio atractivo para un visitante que buscará alonxarse das multitudes. “É agora cando hai que axudar porque entramos nunha crise moi grande. Eu dígolles, aínda que entremos nuns meses moi duros hai que aguantar e os que aguantemos imos recuperar moi rápido porque somos un sector que se recupera rapidisimo e na Ribeira Sacra temos a sorte dun turismo de relax, de familia, de pouco, de turismo rural,… Dache outras garantías aínda que non as haxa en ningún caso mentres non haxa vacina.”
“Imos ter que volver afacernos a ir a un bar e que non pase nada”
Beatriz Vila asegura que nas condicións actuais a hostalería da Ribeira Sacra non abrirá o 11 e probablemente a de toda a provincia asociada á APEHL, “Depende das negociacións desta semana, ertes, alugueres, pero así aquí case ninguén empezará.” A hostalería quere ir paso a paso, agora os establecementos que serven comida a domicilio e o día 11 comezo da primeira fase, se as condicións permiten abrir.
Nestes momentos non se pensa nas festas de verán, por exemplo, patronais de agosto en Monforte, “As festas para min son impensables a non ser que apareza mañá a vacina. Queremos ir paso a paso; quen abre na fase cero? A maioría dos que abren daban comida a domicilio. Pasamos á fase 1, imos ver que nos conceden e que non, e ver se abrimos ou non, hai que ir así. Agora non preocupa se nas festas de agosto podes poñer 4 mesas ou se virá xente, preocupa poder seguir vivindo co meu negocio ou non.”
Nesa colaboración das administracións co sector, aos concellos pídeselles liberar de taxas como as de lixo ou as de ocupación de espazo público. Medidas que algúns concellos xa anunciaron. A todas as xestións para a reapertura de bares e restaurantes, sumaríase despois como responde a xente, “Pensas que a xente segundo se abran os bares e restaurantes vai vir? Hai moito medo. A terraza da menos medo, imaxínate o interior. E aí está o sector tentando que se abra para non perder, non van gañar, pero que poidan manterse. Imos ter que volver afacernos a ir a un bar e que non pase nada. Como garantimos iso? Que o establecemento está libre? Hai que definir unhas medidas, tomalas e poder mostrarllo á xente, que dalgún modo o vexan e o saiban. Se temos iso, se todas as administracións colaboran, se o sector está unido e podemos empezar cubrindo gastos, sairemos adiante, haberá hostalería para longo.”