Este luns, 29 de xuño, desde as 12:00 horas, está dispoñible o contido da web merecesunrespiro.com que pon en marcha o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra
O sitio web é a parte central da campaña “Despois de todo, mereces un respiro” coa que o Consorcio quere atraer e poñer a disposición dos posibles visitantes experiencias “moi coidadas e adaptadas ao novo contexto xerado pola pandemia do COVID-19.”
As propostas clasifícanse en 5 bloques en función da tipoloxía de servizos e actividades que conteñen. Hainas relacionadas coa exploración dos recursos patrimoniais do territorio, outras de interacción coa paisaxe a través do deporte, tamén do coidado persoal en espazos únicos, e vencelladas á oferta gastronómica do xeodestino.
O usuario poderá realizar unha búsqueda, ademais de pola temática, por duración, perfil de público ao que vai dirixido ou pola periodicidade na que están dispoñibles as actividades que busca. Estréase o portal con máis de 40 experiencias, que seguiremos ampliando co paso dos días, en diferentes quendas.
Centro do Viño e oficina de turismo de Monforte
E o Centro do Viño da Ribeira Sacra e a Oficina Municipal de Turismo de Monforte de Lemos abriron este sábado, 27 de xuño as súas portas. O horario de verán será de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, contando con todas as medidas de prevención necesarias.
As visitas guiadas ao Centro de Interpretación Ribeira Sacra – Museo do Viño serán ás 11:30, 12:30, 17:30 e 19:00 horas.
