A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco prestamistas, a penas de entre un ano e dous de prisión, por ameazar, secuestrar e golpear ao propietario dun club de alterne en Quiroga.
Segundo figura nos feitos probados da sentenza, o dono do club de alterne dirixiuse no 2008 a este grupo de prestamistas coñecido como “os murcianos” para pedir 12.000 euros a un interese do 25%. O diñeiro tiña que ser devolto con data límite do 13 de marzo do 2009. Ao chegar a data pactada para a devolución, a vítima non reintegrou o diñeiro, polo que os acusados ameazáronlle e extorsionaron, tanto a el como á súa familia, aos que esixían o pago de 150.000 euros.
Tras ir na súa busca á vivenda familiar de Monforte en reiteradas ocasións, a vítima foi atopada e obrigada a entrar nun coche o 18 de marzo do 2009. Así, tivérono retido contra a súa vontade en diferentes moteis ata o 21 de marzo. Mentres, os secuestradores obrigaron a que unha irmá do debedor entregara un coche, aínda desaparecido.
Despois de que a familia do home denunciase o sucedido na comisaría de Monforte de Lemos, concertouse unha cita cos secuestradores o 21 de marzo do 2009, día no que se conseguiu liberar ao retido, que sufriu múltiples feridas polos golpes recibidos polos seus captadores.
Dous dos procesados foron condenados a dous anos de cárcere como autores de tres delitos de ameazas, un delito de secuestro e outro de extorsión. Pola súa banda, o tribunal impuxo aos outros tres investigados un ano e tres meses de prisión por cometer un delito de secuestro e outro de extorsión.
Os maxistrados indican na sentenza que os sospeitosos recoñeceron os feitos. Ademais, destacan que foron corroborados, tanto polas dilixencias practicadas durante a instrución do caso como polas declaracións de dúas testemuñas, nai e irmá da vítima, que resultaron “plenamente cribles”. Os condenados deberán tamén abonar indemnizacións que suman case 9.000 euros, o que, entre outras cuestións, inclúen o valor do coche subtraído. Contra o fallo cabe recurso de casación no Tribunal Supremo.