A CIG insiste en que é fundamental un bo estado destas aeronaves para evitar accidentes e danos ás persoas que traballan no servizo contra incendios forestais da Galiza.
A empresa PLYSA ( B98851728 ) é concesionaria so servizo de 2 avións de carga en terra con destino á defensa contra incendios forestais durante os anos 2020, 2021 e 2022 Expte. /2019 destinados na base de Doade (prov. de Lugo). Cóntase con 2 avións de carga en terra modelo thrush 710P coas matrículas EC-MVL e EC-MUO.
O avión de carga en terra coa matrícula EC-MUO accidentouse con data de 29 de xuño de 2020, permanecendo dende esa data ate o 12 de xullo inoperativo, segundo a CIG e a base sen avión de substitución, deixando a base cun só aparato dispoñible. A data de 12 de xullo foi substituído pola aeronave con matrícula EC-MKX .
Segundo o sindicato é evidente que a empresa incumpriu o artigo 5 do prego de prescricións técnicas polo que foi contratada. “5. Mantemento e, reparación e avarías, en caso de se producir algunha avaría grave que provoque a inoperatividade da aeronave e faga necesaria a súa substitución, a empresa adxudicataria deberá comunicar inmediatamente este feito á consellería por escrito. substituirá inmediatamente a aeronave por outra do mesmo modelo ou de similares ou superiores prestacións, de xeito que non se resinta a operatividade do servizo, sen prexuizo das penalidades recollidas na carátula do prego de cláusulas administrativas particulares ” e tamén o artigo 6 do mesmo documento “Aeronaves de substitución Deberase poñer a disposición unha aeronave de substitución como mínimo”.
Así, e para que non volva suceder dende a CIG solicitan ás consellerías afectadas que tomen medidas sancionadoras á empresa concesionaria e as preventivas que correspondan para evitar danos as persoas que traballan na extinción.
Piden que se proceda á sanción correspondente á empresa concesionaria polo incumprimento dos artigos 5 e 6 ( en caso de non telo feito ) do prego de prescricións técnicas.
Solicitan que se informe da investigación do incidente (sen danos persoais) por parte dos Servizos de Prevención de Riscos Laborais por estar nunha instalación da Xunta de Galiza e para evitar dano que podería ocasionar ao persoal.