A pesar de que este ano, por mor da Covid-19, non se poden celebrar as Festas Patronais de Monforte (as cales terían que terse celebrado ó longo desta semana), un período no que aumenta considerablemente o número de visitantes á cidade, a afluencia de turistas non se está vendo mermada debido á pandemia. “Por iso”, sinala o Alcalde, “dende o Concello valoramos de forma moi positiva estes datos de afluencia turística, dadas as especiais circunstancias derivadas da pandemia do Coronavirus, que non están a impedir que moitos turistas visiten estes días Monforte e a Ribeira Sacra”.
Cabe destacar que no que levamos de mes de agosto, a media de persoas atendidas é de 140 por día. O total de consultas no que vai de mes, dende o 1 ó 12 de agosto é de 2.033, sendo 1.717 as persoas atendidas de xeito presencial e 316 a través do teléfono.
Martes 11 de agosto, récord de consultas nun día
Das 295 persoas atendidas na Oficina Municipal de Turismo o pasado martes, a nivel nacional, as principais cidades de orixe das mesmas son Madrid, Valencia e Barcelona. En canto á procedencias internacionais, destacan os turistas vidos de Francia, Suíza e Italia.
En canto ás consultas efectuadas, os turistas que se achegan ata a Oficina de Turismo ou que chaman ó seu teléfono de consulta, interésanse principalmente por coñecer horarios e prezos dos Catamaráns da Deputación Provincial de Lugo, e tamén polas visitas a adegas, así como a ubicación dos diferentes miradoiros da Ribeira Sacra, ademais da oferta monumental, hostaleira e gastronómica da cidade de Monforte.
No que se refire ós tipos de aloxamentos utilizados, en primeiro lugar son os hoteis e hostais da cidade a opción máis escollida. Pero dende a Oficina de Turismo saliéntase que este ano aumentou moito, con respecto ó ano pasado, a afluencia de autocaravanas, e tamén o uso de apartamentos turísticos.
Tamén cabe destacar a afluencia constante de visitas ós museos que son xestionados dende a Oficina de Turismo. O Museo do Centro do Viño, que conta con 4 quendas de visitas, de 10 participantes por quenda, cubre practicamente todas as visitas, enchendo por completo alomenos 3 das 4 quendas ofertadas. No caso do Museo dos Escolapios, tamén cubre a maioría dos días os 4 aforos ofertados.
Finalmente, o Alcalde tamén incide no éxito que está a ter o código QR implantado recentemente para que os visitantes que acoden a Monforte poida descargar nos seus móbiles os horarios e servizos proporcionados dende a Oficina de Turismo. Este código QR foi posto en marcha os pasados días como alternativa ó subministro en papel desta información que habitualmente se daba dende a Oficina neste formato, antes da chegada do Covid-19.
Datos do mes de xullo
O rexedor municipal destaca tamén os datos de afluencia deste pasado mes de xullo, “que son bos a pesares da pandemia do Coronavirus, e moi similares ós de 2019, xa que neste mes de xullo foron 2.154 as persoas que acudiron a informarse á Oficina Municipal de Turismo, mentres que no mes de xullo de 2019 foron de 2.419 os turistas atendidos”.
En canto as procedencias a nivel nacional, foron 2.080 as persoas atendidas, procedentes principalmente de Madrid, Vizcaya e Barcelona. Polo que respecta ás visitas dende outros países, foron 44 os turistas que recibiron información de Monforte e da Ribeira Sacra, procedentes sobre todo de Francia, Suíza, América Latina e Portugal, por esta orde.
Tamén 54 monfortinos e monfortinas fixeron consultas durante este mes na Oficina de Turismo e 30 das visitas atendidas eran persoas que estaban a realizar o Camiño de Inverno.
Por outra banda, neste mes de xullo de 2020 dende a Oficina de Turismo respondéronse a 56 consultas a través de correo electrónico e a 299 chamadas telefónicas. Finalmente, o Museo do Centro do Viño recibiu a visita de 235 persoas.
Dende o Concello agárdase que o resto do mes de agosto manteña este éxito de visitas á Oficina de Turismo en particular, e en xeral, e sobre todo, de turistas que se acheguen a visitar Monforte e a Ribeira Sacra.