A Deputación investiu 140.000€ na reparación da LU-P-1804, que vai de Belesar a Chantada por San Pedro de Líncora, afectada á altura do quilómetro 6 por un desprendemento de terra a mediados do mes de agosto.
Esta estrada tivo que ser cortada ao tráfico á altura do punto quilométrico 6, no pobo de Belesar, enfronte do embarcadoiro da Deputación, para garantir a seguridade dos vehículos logo de producirse un desprendemento de terra e o afundimento de parte da calzada.
A principios de setembro, e tras realizar un estudio xeotécnico e un cálculo estrutural do terreo, a Deputación comezou coas obras de arranxo da vía, colocando unha pantalla de micropilotes para poder soster o terreo existente e a continuación escavar unha plataforma de traballo. Logo, executou un muro de mampostería para proceder á reconstrución da estrada e facer o recheo pertinente. Despois pavimentouse o treito con aglomerado en quente e repintouse a sinalización horizontal.
Outro dos proxectos que José Tomé supervisou este martes consiste na rehabilitación do firme dun treito da LU-P-1802, que conecta o centro da localidade chantadina co encoro de Belesar pasando por Sabadelle. As obras teñen lugar dende os puntos quilométricos 5 ao 6,050, e inclúen a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e o repintado da sinalización horizontal. Estes traballos contan cun investimento de 34.200€ e estarán rematadas nuns días, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
