O convenio de colaboración suporá unha inversión de 2,4 millóns de euros, dos que o Concello aportará 480.000 euros e a Confederación Hidrográfica 1.920.000 euros.
O Alcalde sinalou que “dende que cheguei á Alcaldía no ano 2015, unha das preocupacións do Goberno municipal foi ir mellorando o saneamento da nosa cidade, que ven padecendo unhas carencias dende fai anos, sen que se asumira a realización de obras de mellora de xeito continuado para darlle unha solución integral ós problemas do saneamento de Monforte. Hai que dicir que a Xunta de Galicia solo participou na depuradora do Porto Seco cando a súa obriga era acometela integramente con cargo á Xunta”.
O Concello de Monforte, en colaboración coa Deputación de Lugo e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, conta cunha folla de ruta para mellorar o saneamento de Monforte, dándolle unha solución integral por fases, como a que neste intre se está executando coas obras do primeiro convenio que foi asinado entre ambas entidades, por 1,4 millóns de euros.
O acto de sinatura deste convenio “dalle hoxe oficialidade ó protocolo asinado entre o Concello e a CHMS o pasado día 15 de maio, e supón o segundo convenio deste tipo que se asina entre ambas entidades para mellorar o problema do saneamento de Monforte”, sinalou o rexedor municipal.
Este convenio vai permitir, dentro duns meses cando se licite e adxudique o proxecto, a renovación total ou parcial dos colectores da rúa Morín, da rúa Xoan Montes, da rúa Valle-Inclán despois da vía do tren, no Barrio das Cruces na parte que descorre xunto ó Regato das Malloadas, e inclúe tamén a supresión do aliviadoiro do Parque dos Condes, así como un estudo integral do saneamento de Monforte, co fin de avaliar cales son os problemas de saneamento da cidade.

“Pero quizais” indicou o Alcalde, “a actuación máis sensible para todos os monfortinos será a supresión do aliviadoiro do Parque dos Condes, que cando hai moita choiva ou en época de tormentas, soe aliviar ó río Cabe, e unha vez realizado este proxecto, o aliviadoiro desaparecería e xa non sería un problema medioambiental, porque xa non haberá vertidos ó río Cabe. Deste xeito, o río Cabe vai gañar moito en calidade ambiental e en limpeza das súas augas”.
Confederación Hidrográfica Miño Sil
Pola súa banda o Presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, destacou os dous aspectos diferenciados deste convenio: dunha banda, o estudo de toda a rede de colectores de Monforte para detallar cales son os problemas da mesma; e doutra banda, as melloras sinaladas anteriormente polo Alcalde e que supoñen unha segunda fase nas actuacións sobre os colectores de Monforte (a primeira fase é a das obras que se están a levar a cabo actualmente na rúa Chantada e circundantes).
Finalmente o Presidente da CHMS comprometeuse, unha vez estea rematado o estudo integral, que se prevé para finais de 2021 e se coñezan todos os problemas da rede de saneamento, a seguir establecendo convenios co Concello de Monforte e a por así en marcha novas fases de actuación co obxectivo de rematar coa problemática desta rede de saneamento.