Home Comarca de Sarria Láncara Agromuralla pide ao alcalde de Láncara pasar a ITV agrícola na Reboleira

Agromuralla pide ao alcalde de Láncara pasar a ITV agrícola na Reboleira

0
Agromuralla pide ao alcalde de Láncara pasar a ITV agrícola na Reboleira
A Reboleira/ Agromuralla

Agromuralla lembra que a empresa Supervisión y Control SAU, concesionaria da ITV en Galicia, suprimiu o ano pasado, alegando problemas de espazo para instalar o novo camión utilizado para a realización das revisións, de maiores dimensións que o anterior, a habitual ubicación na Reboleira, un dos dous puntos habilitados ata entón no termo municipal de Láncara para pasar a ITV agrícola. 

A supresión deste emprazamento obrigou entón aos usuarios das parroquias de Vilaesteva, Santiago de Cedrón, San Martiño de Río, Augalevada, Armeá de Arriba, Vilouzán, Monseiro ou Touville a teren que desprazarse cos tractores e os distintos apeiros até o outro dos puntos móbiles de ITV, situado en Carracedo, uns desprazamentos que nalgúns casos chegan aos 15 quilómetros, “co agravante de que é necesario facer varias viaxes para levar toda a maquinaria ou se por exemplo algúns dos elementos non pasan a revisión á primeira”, o que supón “grandes prexuizos tanto económicos como de tempo” a todos os veciños desta zona do concello, xa que, como lembra Agromuralla, non só están obrigados a pasar a ITV aqueles gandeiros en activo, senón tamén todas as persoas xubiladas que posúen algún tipo de maquinaria agrícola. 

Promesas incumpridas por parte do alcalde

Agromuralla denunciou esta situación en xaneiro de 2020, logo de que varios dos seus socios nesta zona recibiran a comunicación para o paso da ITV anual en Carracedo. A asociación de gandeiros púxose nese momento en contacto co Concello, encargado de facilitar á empresa concesionaria da ITV as ubicacións, urxindo unha solución ao respecto. 

“Tivemos dúas reunións co Concello, unha naquel momento, en xaneiro do ano pasado, e outra posterior en setembro, nas que o alcalde se comprometeu a habilitar unha nova ubicación na Reboleira, a uns 300 metros da anterior, a carón do punto de acopio de plásticos agrícolas, pero atopámonos con que non se fixo nada e ese espazo non está acondicionado”, denuncia Agromuralla.

Os veciños de toda esta ampla zona do municipio de Láncara que raia con Sarria volveron ser citados inicialmente este ano para pasar a ITV anual aos seus vehículos agrícolas entre os días 5 e 12 do vindeiro mes de febreiro no outro dos emprazamentos, o de Carracedo, obrigándoos deste xeito a importantes desprazamentos, pero logo, en días pasados, foron chamados un a un por parte da empresa da ITV para modificar as súas citas e ofrecerlles a posibilidade de pasar a inspección na Reboleira entre o 5 e o 8 de febreiro, sen necesidade de ter que ir con toda a maquinaria até Carracedo. 

O motivo é que o restaurante que había alí situado na Reboleira está pechado, polo que de xeito excepcional este ano pode ser usada a explanada que ten de aparcadoiro diante como ubicación para o camión da ITV, pero “esta solución puntual non garante que se resolva o problema de xeito definitivo”, advirten os gandeiros e gandeiras de Agromuralla. 

Por iso, urxen ao Concello a acondicionar o espazo situado diante do punto de acopio de plásticos agrícolas para poder contar cun lugar con carácter permanente onde instalar a ITV. Este novo espazo cumpriría cos criterios de dimensións necesarias e escaso desnivel requeridos e permitiría manter a equidistancia de todos os veciños do municipio a respecto dos puntos móbiles da ITV.

Da ubicación na Reboleira tamén se beneficiarían usuarios do concello veciño de Sarria, dada a súa proximidade. Por iso, José Manuel Díaz insiste na importancia e na necesidade de que o Concello de Láncara acometa esa infraestrutura.  

Problemas legais en caso de accidente 

Agromuralla urxe solucións similares “en todos os municipios onde se dean problemas similares para evitar a supresión dos emprazamentos habituais dos puntos móbiles de inspección agrícola” e insta tanto á empresa concesionaria da ITV coma aos Concellos a atopar “ubicacións axeitadas que faciliten as inspeccións aos veciños e veciñas, tanto gandeiros en activo como xa xubilados”. 

Galicia contabiliza un total de 140.000 tractores, segundo os datos do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), dependente do Ministerio de Agricultura. Porcentualmente a nosa comunidade é unha das que ten maior número de tractores de toda España, xa que os vehículos de uso agrícola matriculados en Galicia representan o 15% de todos os existentes no Estado, moi por enriba do peso poboacional e territorial da nosa comunidade. Os vehículos agrícolas deben pasar a súa primeira inspección técnica transcorridos 8 anos desde a súa matriculación, tendo que pasar a ITV cada dous anos até cumpriren os 16 anos, momento no que pasa a ser obrigatoria cada ano.  

Agromuralla considera que “achegar o servizo de ITV aos usuarios é fundamental para garantir que a totalidade do parque de tractores e demais maquinaria agrícola está ao día en canto á obriga de efectuar as correspondentes revisións”, polo que a eliminación dos puntos habituais de inspección provoca, en moitos casos, que sobre todo persoas maiores, xa xubiladas da actividade agraria, desistan de seguir pasando a ITV aos seus tractores, maquinaria e apeiros, coas consecuencias que isto conleva en materia de siniestralidade e os problemas legais que acarrea en caso de accidente, dado que o seguro non se faría responsable dos danos. 

150 mortos por accidente de tractor en Galicia na última década

“O mantemento óptimo dos equipos e a actualización dos sistemas de seguridade é un aspecto fundamental para evitar accidentes”, sinala Agromuralla, polo que “o feito de non pasar a ITV supón un risco engadido para a siniestralidade agraria, xa de por si moi elevada en Galicia”, onde, segundo os datos do 112, faleceron 150 persoas por accidente de tractor na última década. 

A maioría dos sinistros non están considerados accidentes laborais, xa que non están relacionados con persoas en activo. Segundo os datos da Xunta de Galicia, o perfil das vítimas é o dunha persoa maior de 65 anos que está a realizar tarefas ou actividades agrícolas en fincas da súa propiedade. Os rexistros da Consellería de Economía, responsable do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), nos accidentes mortais de tractor que se producen na nosa comunidade máis do 95% das persoas falecidas non están afiliadas ao Réxime Especial Agrario, un terzo das mortes están causadas polo envorcamento do tractor e a media de idade das vítimas ronda os 70 anos.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here