O Concello de Quiroga suma xa case un cento de casos positivos de Covid-19. Os datos actualizados da Consellería de Sanidade informan que nos últimos catorce días diagnosticáronse 95 casos, 12 máis que o día anterior.
“Con estes datos e a pesar xa de levarse máis de 350 probas diagnósticas feitas a veciños de Quiroga, o Sergas decidiu facer un cribado masivo da poboación a partir do luns”, trasladan dende o concello. Así mesmo, lembran que o rexedor local, Julio Álvarez, vén pedindo dende o sábado, 23 de xaneiro, cando se coñecía o positivo de 18 persoas nun só día, que se realizara un cribado da poboación. Neste senso tamén, dende a oposición, o concelleiro do BNG de Quiroga viña suxerindo ao Alcalde que se solicitase a realización do cribado cando en Quiroga o número de positivos era de 26.
O Sergas, agora tomando cartas no asunto, tomou a decisión de realizar o cribado sanitario e está organizando a estratexia para o seu desenvolvemento; como e onde se realizará, así como cal será a poboación susceptible de someterse ás probas. Dende fontes do concello adiántense a apuntar que serán probas de antíxenos e o único claro polo momento é que se realizará polas tardes a partir do luns; tamén sinalan que será persoal do Sergas o que se poñerá en contacto coas persoas que terán que facelo para comunicarlles cando e onde deberán facer as probas.
Estes datos coñécense o mesmo día en que entran en vigor as novas medidas que decretou a Xunta de Galicia para tentar atallar esta terceira onda da pandemia. Peche perimetral do municipio, limitación das reunións sociais ás persoas conviventes e mantense o toque de queda ás dez da noite.
CENTROS ESCOLARES
Os centros educativos non universitarios manteñen as clases presenciais, aínda que moitos pais están optando por non mandar á escola aos pequenos e pequenas á escola.
No CEIP de Quiroga suman 11 casos positivos e na xornada deste mércores 27 de xaneiro, dos 162 alumnos e alumnas matriculados soamente acudiron ao centro educativo 11.
Respecto ao Instituto de Educación Secundaria, a situación actual é que non teñen ningunha aula pechada e contan con 3 alumnos positivos. A día de hoxe non consta tampouco que a Consellería de Educación, competente neste senso, considerara tomar medidas máis restritivas.
Na gardería A Galiña Azul non hai ningún caso positivo, aínda así, dende o Concello de Quiroga informan que dos quince alumnos/as matriculados/as só cinco están acudindo ao centro.
CENTROS ASISTENCIAIS
Na Residencia da Terceira Idade remataron de poñer a segunda dose da vacina e empezan así a ‘blindarse’ contra o coronavirus. Tanto os 53 traballadores como os 87 residentes están xa vacinados, aínda que terán que esperar os sete días de rigor para que a protección sexa efectiva.