HomesociedadeInterior Galego Vivo demanda xustiza e equidade nos fondos europeos de reconstrución

Interior Galego Vivo demanda xustiza e equidade nos fondos europeos de reconstrución

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Dende Interior Galego Vivo valoran positivamente que estes fondos se destinen a proxectos de carácter social e que xeren valor engadido no medio rural. Lembran que tiñan presentado nas eleccións do 2020 como medida urxente, o impulso de residencias-piloto en aldeas abandonadas, total ou parcialmente, restauradas a tal efecto.

Aseguran que se aledan de que se tomara nota da súa proposta, pero din estar preocupados porque se primen intereses de parte do lobbye dos coidados, “que tanto mal está facendo aos nosos maiores e ás traballadoras e traballadores do sector (residencias, SAF, etc.).”

A este respecto fan as seguintes consideracións

1. Rexeitamos a falta de transparencia do Goberno galego a respecto dos proxectos que presenta a optar a fondos europeos. Nin transparencia no listado de iniciativas (108, segundo a Xunta) nin nos criterios de adxudicación. 

2. Rexeitamos o actual modelo de privatización dos servizos de atención á Dependencia e Terceira Idade, que primou o lucro, con maioría de prazas en residencias privadas e concertadas, insuficientes e desigualmente repartidas polo territorio, con escasos rateos de persoal de atención directa. A pandemía amosou o fracaso deste sistema, sendo nas residencias de xestión privada nas que máis contaxios COVID e falecementos se produciron. O modelo e a calidade están cuestionadas, polo que cómpre facer unha transición cara fórmulas de trato centrado na persoa, como na nosa proposta humanizadora e que fixaría emprego digno no rural. 

3. Como condición indispensábel para a calidade asistencial e a xeración de postos de traballo digno, consideramos que os proxectos que se impulsen deben ser xestionados de xeito público ou mediante fórmulas de traballo cooperativo ou PEMES ás que se esixan altos estándares de calidade e rateos axeitados de persoal, así como que se mellore o labor inspector de Política Social. 

4. Semella que os fondos europeos poden converterse nunha fórmula de captación de gasto público por parte de grandes empresas. No sector dos coidados e atención aos nosos maiores consideramos que debe evitarse agasallar fondos públicos e fontes de negocio a conglomerados empresariais, dependentes de capital privado de fondos voitre, que amosaron, nesta pandemía, primar o lucro sobre a calidade asistencial e mesmo a vida.

5. É esencial potenciar servizos de atención á Terceira Idade centrados na persoa e que aposten por atrasar ao máximo o deterioro cognitivo, algo que pode acadarse co sistema de casas de maiores nas nosas aldeas que, ademais, contribúe para a restauración de vivenda abandonada e á fixación de empregos no rural, asemade, debérase apostar, ademais do reforzo do SAF, por redes de apoio no fogar para frear no posible o deterioro.

6. O desenvolvemento destes proxectos debe ir acompañado por un reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, a modificación do marco legal en relación ás residencias de maiores para garantir rateos de persoal axeitadas ás necesidades e o impulso de centros de día para fomentar a autonomía persoal, así como apoiar o desenvolvemento de iniciativas agrogandeiras sostibles nestes territorios.

7.- A Xunta debe deixar dunha vez de infradotar a dependencia e os coidados e garantir un financiamento digno para os coidados. Así as cousas, os concellos reciben achegas moi cativas para o SAF ou deben asumir nos centros de día 2.500€ dun total de 7.500€ prazo/ano. Non se poden cadrar as contas do ente autonómico desangrando aos concellos, nomeadamente os pequenos, e despoboados concellos do interior galego cun crónico déficit de financiamento.

8. Outra necesidade urxente no eido sociosanitario para o interior galego sería a creación dunha residencia de media estancia de referencia para o sur de Lugo e parte de Ourense que debería localizarse na Ribeira Sacra. Un óptimo recurso para quen precise un ingreso residencial temporal (por exemplo, para sandar dunha doenza), pois neste momento non hai este servizo e a súa carencia pode acelerar un ingreso temperán en residencia, totalmente evitábel e, xa que logo, permitiría aforro de gasto público.

9. Consideramos que, para a localización destes proxectos, se debe primar aquelas comarcas máis avellentadas e con maior carencia de prazas residenciais, así como aquelas con menor renda per cápita e máis necesidade de postos de traballo.

Fan un chamamento á cidadanía para concienciarse sobre a necesidade de vixiar o uso dos fondos europeos de reconstrución Next Generation; xa que aseguran que do contrario, “só servirán para encher os petos da elite e ao tempo xerar máis un novo ciclo de débeda e recortes para a sociedade.”

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...