IniciosociedadeRosal, un toque moderno e actual para unha tenda de toda a...

Rosal, un toque moderno e actual para unha tenda de toda a vida

Este establecemento, que existe dende o ano 1967 na capitalidade do Concello de Pantón, vén de renovar a súa imaxe. Falamos con María Socorro López, ‘Soco’ para os amigos, deste cambio, doutras iniciativas e de como colaborou na película ‘Live is Life’ de Dani de la Torre.

Publicado o

- Advertisement -

Non imos descubrir aquí e agora as dificultades que ten para sobrevivir o comercio local na actualidade, máis se cabe en vilas pequenas con graves problemas de despoboamento. Pois ben, en Ferreira de Pantón resiste Rosal, o único establecemento comercial que queda dedicado á venda de roupa e calzado, e que funciona tamén como mercería.

Abriu as súas portas no 1967 e hoxe non só resiste nesta pequena localidade do sur de Lugo se non que se atreve a modernizar a súa imaxe e a innovar. E todo co optimista obxectivo de mellorar o servizo aos seus clientes e aumentar as vendas veñan de onde veñan.

“Non só resiste nesta pequena localidade do sur de Lugo se non que se atreve a modernizar a súa imaxe e a innovar”

Tras un relevo xeracional, María Socorro López, “Soco” para os amigos/as, rexenta o negocio dende o ano 2001.  Conta que ten clientela local de toda a vida pero tamén de fóra, da contorna de Lemos e máis alá. “Co movemento de xente do Balneario fixen bastantes clientes, e tamén vendo por internet a xente de diferentes lugares como por exemplo Vigo, Barcelona ou Francia”, dinos.

Aínda que presume de tenda “de pueblo”, das de toda a vida, sempre se interesou por innovar e adaptarse a novas canles de venda como son as redes sociais e internet. A tenda ten perfil en Facebook e Instagram, e vende por internet a través dunha tenda online da Ribeira Sacra e de Vinted“Hai que adaptarse aos tempos e ás novas tecnoloxías”, di Soco con entusiasmo ao tempo que conta como anécdota “teño recibido visitas de clientes que mercan por internet e despois achéganse a Ferreira para coñecer a tenda en persoa”.

Outro recuncho de Rosal. Foto: Soco

Respecto á venda por internet confesa que tamén aproveita os envíos para meter folletos turísticos de Pantón dentro dos paquetes. “Fago de promotora turística tamén”, di entre risas.

“Levaba tempo querendo darlle un cambio á tenda, facela máis actual e acorde ao que pide agora a xente e agora era tamén bo momento para facer obras”

Este pasado luns, 15 de marzo, abriu as portas anunciando a inauguración da nova imaxe da tenda tras unha reforma. Segundo conta esta emprendedora, “levaba tempo querendo darlle un cambio á tenda, facela máis actual e acorde ao que pide agora a xente e agora era tamén bo momento para facer obras”. A súa idea era darlle un toque máis moderno na decoración, máis ampla para que os clientes poidan ver, tocar, e sen que o dependente estea enriba; e tamén máis sostible, apostando polo aforro enerxético e a reciclaxe. “Conxugar o antigo co moderno”, en palabras de Soco.

Agora a tenda é máis cómoda, ten máis amplitude e a decoración e luminosidade danlle un toque máis atractivo. O decorador foi Abel ‘do Awa’, que fixo un traballo moi creativo reutilizando mobiliario antigo como foron uns estantes e un mostrador.

“Conxugar o antigo co moderno”

Estantes e mostrador. Foto: Soco

No transcurso da conversa xorde unha curiosidade. O ano pasado estivo na tenda o monfortino Dani de la Torre aproveitando a gravación da película ‘Live is Life’ en diferentes localizacións da Ribeira Sacra. Soco colaborou co equipo de vestiario deixándolles roupa dos anos 70-80 que tiña gardada no almacén. “Vaia emoción cando me dixeron que Rosal sairía nos títulos de crédito da película”, confesa.

Rematada a charla con esta emprendedora botada para adiante, moi positiva e optimista, aquí vos deixamos unha sentencia do seu pai á que nestes tempos atópalle máis sentido que nunca, “Nena, cando vaias para arriba podes descansar, pero cando vaias para abaixo corre todo o que poidas”… Quen teña negocio e vivira épocas de subida e de baixada, entendera o consello…

Logotipo

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...