IniciosociedadeRosal Moda en Ferreira de Pantón: “Non lle temos medo a internet”

Rosal Moda en Ferreira de Pantón: “Non lle temos medo a internet”

Segredos de Pantón entrevista a María Socorro López, de Rosal Moda, que nos presenta unha visión optimista e unha seguridade no seu bo facer ao fronte do negocio dignas de admirar.

Publicado o

- Advertisement -

Nova entrega que nos achega a Asociación Segredos de Pantón no seu labor de poñer en valor o concello de Pantón alén dos atractivos turísticos máis populares. Unha visión do concello e da súa contorna a través do seu patrimonio, a paisaxe, as tradicións e as súas xentes.

Neste caso coñeceremos a través dunha entrevista a María Socorro López a experiencia dun deses negocios que resiste co paso dos anos en Ferreira de Pantón. Trátase de Rosal Moda que abriu a tenda no ano 1967 e, tras un relevo xeracional, resiste a día de hoxe coa seguridade de saber que contan cun produto e un servizo case exclusivo que non ofrecen nin as grandes superficies nin as tendas online.

Como foi que os seus pais decidiron abrir unha tenda?

Porque os meus pais estaban no estranxeiro e víronse obrigados a volver á casa por motivos familiares.

Dende cando rexenta vostede a tenda?

Fíxenme cargo dela no ano 2001.

Fachada de Rosal Moda en Ferreira de Panón. Fonte: Segredos de Pantón

Lembra algunha anécdota graciosa?

Miles. Desde chamarte ás 2 da madrugada para comprar uns cordóns de zapatos a ver persoas coa roupa posta e despois duns días traela  para cambiar.

Ten unha clientela fiel co paso dos anos?

Si, temos moita clientela fiel á que xa lle sabemos as súas medidas e gustos. De feito, temos anotado as tallas e medidas de moitos clientes.

Como intenta combater a competencia das grandes tendas e da venda por internet?

Iso témolo moi fácil, o servizo que prestamos é totalmente distinto ao das grandes superficies e ao das páxinas web, o servizo que damos é moi personalizado.

O trato e atención tan personalizadas que damos non se atopan en ningunha superficie nin en tendas en liña. Temos clientes que nos deixan a deber durante un ano. Axudamos a centos de persoas, por non dicir miles, ante os seus problemas económicos dándolle facilidades de pago.

Como é iso de ser a última tenda de roupa no Castro de Ferreira?

É a última e máis completa da comarca, é a tenda que máis servizo dá, temos unha gran oferta de produtos.

Somos mercería, paquetería, zapatería e confección tanto para señora, cabaleiro e nenos, ofrecemos unha gran variedade de produto, calidade e prezo.

Na actualidade como vai o negocio?

Pois ben. É verdade que mantemos a tradición e actualizámonos, contamos coas necesidades dos nosos clientes.

Como ve o futuro para a súa tenda?

Aínda que o futuro é incerto, cando non o foi?, seguimos a traballar coa mesma ilusión de sempre dando un servizo profesional e personalizado a todos os clientes do municipio e da comarca e a tódolos clientes que nos visiten.

E despois de vostede como se presenta a continuidade de Rosal Moda?

As próximas xeracións innovarán como fixemos nós, sempre segundo as necesidades do mercado e a conxuntura do momento.

Na época do Nadal, ten clientela que vén mercar os seus agasallos a súa tenda?

Si, a verdade que moita clientela, sobre todo para Reis. Neste momento que a economía non está moi ben os clientes apostan por agasallar cousas útiles, e a roupa e o calzado sono.

Para rematar, se tivera que convencer a alguén para que merque en tendas de aldea que lle diría?

Non fai falta convencer a ninguén. Toda a nosa clientela sabe que por comodidade, calidade, prezo e servizo profesional, temos un valor engadido que ninguén pode igualar. Todo che sae máis económico porque mercas no momento que o necesitas, non te deixas levar por mercar porque cho rebaixen; pola compra impulsiva acabas mercando de todo menos o que precisas. Ademais, no comercio local non gastas o diñeiro no transporte, en comer, en tomar algo, en comprarlle un capricho aos nenos e tempo, que tamén é un custo. No comercio local tomas o teu tempo para pensar o que realmente necesitas e se non che interesa devólvelo ou cámbialo pero non che supón un gasto volver, devolvelo ou cambialo.

As persoas non se dan conta de que se están descapitalizando ao mercar produtos que logo non empregan, logo non teñen cartos para adquirir o que realmente precisan. Este é o xogo do mercado, facer que a xente consuma, pero está en mans das propias persoas consumir con xeito, non tirar co diñeiro e despois non telo, os cartos teñen que empregarse pero con sentido.

A nosa tenda non ten competencia con respecto ás tendas en internet porque o noso produto non é doado de atopar ao ser unha confección moi personalizada, de moi  boa calidade, con tallas moi adaptadas a cada cliente e cun prezo económico. Animo a todos a visitar máis o pequeno comercio, seguro que se sorprenderán.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....