Ante o perigo inminente de derrube o Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo concédelle ao Concello de Quiroga un prazo de tres meses para executar esta sentenza. O Concello de Quiroga levaba máis de dous anos tentando poñerse en contacto cos propietarios para que tomasen cartas no asunto ou deixasen actuar ao concello. Así o confirmou o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, quen asegurou que foi preciso aplicar a normativa subsidiaria ante a negativa dos propietarios a facerse cargo. Ante esta imposibilidade, e tras cumprir con todos os trámites administrativos, incluída a publicación en boletíns oficiais, finalmente foi o xulgado o que autorizou que o concello poida entrar nesta propiedade privada.
O Concello encargarase agora de tirar esta edificación ruinosa e acondicionar o terreo no que está situada, un terreo na rúa principal e no centro da vila quiroguesa. Despois de moitos anos, en palabras do alcalde quirogués, “Quiroga saca unhas ruínas que afeaban e entorpecían a vistosidade do centro da vila”.
O Goberno local traballa, nun principio, en que este espazo novo quede unido á área de descanso que acondicionou recentemente no entronque da rúa Real coa rúa Lago, ampliando este espazo de lecer.