No simulacro realizado esta mañá no concello de Taboada traballouse coa hipótese dun incendio forestal de Nivel 2 no que as lapas, orixinadas en Maxal, avanzan cara as poboacións de Bouzoa e Maxal, poñendo en perigo ambos núcleos. Os medios de loita contra os incendios despregados pola Xunta tiveron o apoio de persoal da Administración do Estado como o servizo de Protección Civil da Subdelegación do Goberno e efectivos da Garda Civil, con persoal do Seprona, Seguridade Cidadá e de Tráfico. Así, efectivos da Garda Civil participaron no desaloxo e traslado da poboación desaloxada e ocuparónse dos cortes de estradas e na investigación da orixe do lume.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou no simulacro que se realizou para poñer a proba a resposta a unha situación de emerxencia destas características e reforzar a coordinación dos distintos medios autonómicos, locais e do Estado.
O simulacro, organizado pola Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta, contou coa intervención de distintos servizos da Administración do Estado. A subdelegada do Goberno formou parte do posto de mando avanzado, onde se reuniu co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o alcalde de Taboada, Ramiro Moure.
A subdelegada explicou que “o Goberno participou neste simulacro, como fai todos os anos na campaña de prevención e loita contra os incendios forestais en Galicia, que son un dos maiores problemas medioambientais da nosa comunidade”. Rodríguez destacou que “só na provincia de Lugo producíronse na última década 4.579 incendios que queimaron 21.729 hectáreas de superficie forestal”.
Isabel Rodríguez lembrou que “o Estado apoia anualmente a campaña contra os incendios e activa todos os mecanismos da súa titularidade, como poden ser a Garda Civil, Tráfico, Protección Civil ou o Exército para completar os medios da Comunidade Autónoma que ten as competencias nesta materia”.
“Colaboramos neste ensaio porque é moi importante estar coordinados e ter preparada a resposta dos medios para o caso de que se produza unha emerxencia deste tipo, que ogallá non teña lugar”, declarou a subdelegada ao remate do simulacro e destacou o papel da Garda Civil na loita contra o lume e a investigación das causas dos incendios.