O proxecto de actuacións sobre esta rúa, consistirá na reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 810 metros lineais, e na renovación da súa sinalización horizontal e vertical.
“Trátase dun proxecto de mellora que afecta á rúa Roberto Baamonde e ven motivado polas eivas que dende o Concello detectamos en canto ó desgaste do seu pavimento, así como deficiencias na sinalización horizontal de dita rúa, as cales inciden negativamente nas condicións do tráfico”, indicou o rexedor municipal.
As obras que se proxectan consisten nun fresado previoreporanse os sumidoiros, pozos e arquetas, manteranse as dimensións dos actuais pasos de cebra, xa que que son suficientemente axeitados para o tráfico peonil da zona onde se sitúan. Reforzarase e renovarase a sinalización horizontal e vertical, co obxecto de sinalizar a calzada da forma máis clara e lexible posible, con tres liñas para delimitar os dous carrís de circulación, as zonas de estacionamento e os espazos habilitados para carga e descarga.
Este proxecto ten un custe de licitación de 74.519,58 euros (IVE engadido), e conta cunha financiación 100% municipal. O prazo de presentación estará aberto ata o 4 de setembro ás 14.00 h. A apertura do sobre técnico terá lugar o luns 6 de setembro ás 9 da mañá, e a apertura da oferta económica terá lugar o mércores 8 de setembro á mesma hora.

O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 14 días hábiles (tres semanas). Neste senso, o Alcalde precisou que “establecemos este prazo de execución de 14 días debido a que é unha vía cun alto nivel de tráfico, e que non podemos cortar totalmente.-Por este motivo, valoramos desenvolver a obra por tramos, a fin de que cause os menores trastornos posibles ós condutores que por ela transiten, facendo compatible na medida do posible, as obras coa circulación, sen cortar totalmente o tráfico”.
Importancia da rúa Roberto Baamonde
A rúa Roberto Baamonde créase a finais do século XIX sobre o trazado da vía que ía desde a Pobra de Brollón a Ourense. O seu primeiro nome como vía urbana foi o de avenida da Liberdade, adoptando o actual nome desde 1.926.
Trátase dun vial que discorre desde a súa confluencia coa rúa Cardeal Rodrigo de Castro ata o encontro coa rúa Calvo Sotelo, e a vía do ferrocarril.
É unha rúa que é atravesada no seu primeiro tramo pola Avda. de Galicia, e conflúen nela numerosas vías de menor intensidade de tráfico, o que a dota dun carácter de “colector-canalizador” de tráfico que, unido ó limitado da súa anchura, fai que en determinadas horas do día a fluidez do tráfico sexa intensa.
Roberto Baamonde é pois unha das rúas máis transitadas da cidade, que comunica coa zona da Estación, saída cara Pobra de Brollón e tamén cara á N-120, polo que, “é unha rúa que axuda a conformar a imaxe da nosa cidade, e que polo tanto, queremos dende o Equipo de Goberno, manter en bo estado esta rúa que vertebra a trama urbana de Monforte e que é un dos eixes de actividade residencial e terciaria máis importantes da cidade,” indicou Tomé Roca.
Criterios de adxudicación
Os criterios de valoración para a elección da proposta máis vantaxosa serán:
- Oferta económica, que suporá un 50% da puntuación total.
- A Memoria técnica, un 25% do total e que deberá incluír aspectos relacionados con como se vai organizar a obra e os medios que se van destinar á mesma, posibles melloras ambientais na execución e posible redución do prazo de execución.
- A ampliación do prazo de garantía, 10%.
- O incremento da profundidade do fresado proxectado en 1 cm. e o incremento do espesor da rodadura proxectada en 1 cm., 10% do total.
- E melloras cuantitativas nas sinalizacións verticais, un 5%.