A Oficina de Atención ó Peregrino abrirá todos os días da semana, en horario de mañá de 9 a 14 horas, e de tarde de 17 a 20 horas. A Oficina conta coa Credencial do Peregrino a Compostela, que poderá ser adquirida a un prezo de 2 euros e selada, xa que dende o Concello de Monforte fanse os quilómetros necesarios para a súa obtención.
A Oficina configúrase a través de dous tipos de espazos diferenciados, pero tamén relacionados entre si. A Oficina constitúese coma Punto de información e atención tanto para peregrinos como turistas e visitantes. Para elo, na entrada da Oficina, ubícase un espazo de atención dotado dun mostrador, equipo informático, impresora, terminal telefónica e conexión wi-fi, necesarios para solventar todas as dúbidas que lle poidan xurdir ó visitante.
Fronte a este punto de información, sitúase cunha sala de espera, formada por 4 cadeiras, 1 mesa e 1 roll-up promocional de Monforte e do Camiño de Inverno. Fronte a eles, un gran panel protagonizado por unha foto dos Escolapios.
As instalacións albergan un Centro de interpretación do Camiño de Inverno, pois nelas disponse de información específica sobre o seu traxecto, con fotografías, documentación, proxeccións audiovisuais…
O visitante, poderá coñecer, a través de 3 paneis, ubicados na parte dereita da sala de interpretación, información sobre as orixes do Camiño de Inverno, sobre a súa arquitectura relixiosa, e sobre a arquitectura civil, o seu paso polas terras de Lemos.
Un gran panel, ubicado na parte dereita da sala, recolle as 9 etapas do Camiño de Inverno dende Ponferrada ata Santiago a través dun mapa impreso sobre unha foto de San Vicente do Pino, potenciando a Monforte como final da etapa 4 e onde se inicia a etapa 5. Na parte central deste panel, intégrase unha televisión destinada á emisión continua de vídeos promocionais de Monforte, do Camiño de Inverno e da Xudería, que se irán renovando co tempo.
No fondo da sala, sitúase un gran panel que recolle un mapa histórico de Monforte, no que se salientan de xeito lineal os principais acontecementos da historia da cidade. O visitante contará cunha forma dinámica e divertida de coñecer a cultura e a historia de Monforte. Para elo, deberán abrir un conxunto de 5 caixoneiras iluminadas. Tamén se conta cun panel expositivo con fotografías de Monforte, realizadas por Manuel Varcarcel, “Piro”, no eido do Camiño de Inverno, exposición que foi encargada dende o Concello o pasado ano.
Presentación da Guía e do Plano do Peregrino
O Alcalde aproveitou a inauguración da Oficina de Atención ó Peregrino para dar a coñecer o material informativo e promocional que o concello fixo para o peregrino, unha Guía e o Plano do Peregrino que, dende hoxe están xa a disposición dos peregrinos y visitantes.
Baixo o título Camiño de Inverno a Santiago, “dende o Concello de Monforte editamos este Plano e esta Guía pensados especificamente para os Peregrinos que cheguen a esta Oficina, e neles resaltamos os principais puntos de interese que se poden atopar tanto na ruta pola que transcorre o Camiño na cidade, como próximos a ela” explicou Tomé Roca.
Tanto o Plano como a Guía recollen a información en 3 idiomas: galego, español e inglés. A Guía do Peregrino está formada por 32 páxinas a toda cor e é de tamaño compacto (12,5 x 7,5 cm.) e fácil manexo. O Plano do Peregrino é un desplegable de fácil manexo cuxa portada é como a da Guía do Peregrino, incorporando as pegadas (huellas), e sinalando as etapas do Camiño de Inverno que transcorren por Monforte, as etapas 4 e 5 Quiroga-Monforte-Chantada.
Ambos documentos estarán dispoñibles de xeito gratuíto na Oficina de Atención ó Peregrino para ser entregados ós seus usuarios, e complementarán a información que xa se recolle na Guía Oficial da cidade, que tamén estará dispoñible nesta oficina, e que se vende ó prezo de 1 euro.
O Alcalde rematou a súa intervención animando “ós veciños e veciñas de Monforte, así como a todos aqueles que nos visitan, a que se acheguen a coñecer estas instalacións da Oficina de Atención ó Peregrino, que sintan a aventura do Camiño de Inverno, e que descubran todos os encantos que agacha esta ruta”.
“Estou seguro de que esta Oficina de Atención ó Peregrino será outro punto informativo de referencia na nosa cidade para dar a coñecer a quen nos visita, a riqueza do noso patrimonio, a beleza da nosa paisaxe, a calidade da nosa gastronomía e dos nosos viños, e a espiritualidade do noso Camiño de Inverno” subliñou Tomé Roca.