Homesociedade264.000 euros para mellorar o CEIP Rosalía de Castro de Bóveda

264.000 euros para mellorar o CEIP Rosalía de Castro de Bóveda

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade acometerá obras de mellora da eficiencia enerxética e funcional no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Rosalía de Castro de Bóveda, ás que destina 264.000 euros.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Os traballos incluirán o reforzo do illamento, substitución de carpinterías e iluminación ou a reforma de aseos, entre outros, e contarán cun prazo máximo de execución de tres meses. Boa parte das actuacións están encamiñadas a lograr un aforro no consumo enerxético e, en consecuencia, de emisións contaminantes á atmosfera. Así, vaise mellorar a envolvente térmica do edificio inxectando illante nas cámaras da fachada e colocando illamento sobre o forxado baixocuberta.

Igualmente, substituiranse portas e ventás por outras cunha carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade, e con cámara de aire intermedia. Tamén se colocará falso teito acústico e iluminación LED, e cambiarase a cheminea da caldeira de calefacción por outra de aceiro inoxidable.

A intervención completarase coa reforma dos aseos das plantas baixa e primeira, o pintado de todos os paramentos verticais e portas do centro, a substitución da rede horizontal de saneamento exterior, e outras melloras no soportal de acceso ao centro e no valo de peche.

Durante a súa visita ao colexio Rosalía de Castro, Javier Arias comprobou o resultado das obras acometidas recentemente na cociña, onde se renovaron as instalacións de gas, fontanería e saneamento ademais dos acabados de paredes e chan.

O delegado apuntou que nos dous últimos anos a Xunta investiu 77.000 euros nesta e noutras actuacións como a construción dunha rampla de acceso, a instalación dun baño nunha aula de Educación Infantil, a ampliación da biblioteca e o cambio dalgunhas ventás. “O investimento nos centros educativos é constante -indicou-, porque é a nosa prioridade ofrecer un ensino público de calidade en todo o territorio, especialmente no rural”.

ÚLTIMAS

‘Xénese dun paiaso’ espectáculo do Mago Brandan en Sarria

O Mago Brandan ofrecerá once representacións do seu novo espectáculo “Xénese dun paiaso” do 1 ao...

A Cabalgata de Reis de Monforte comezará ás 18:30 en Doutor López Suárez

A chegada das Súas Maxestades a esta pista, está prevista ás 17.30h para que...