Homesociedade1.500 viaxeiros en catamarán na Ribeira Sacra nesta ponte

1.500 viaxeiros en catamarán na Ribeira Sacra nesta ponte

O percorrido polo río Sil alcanzou o 97% de ocupación nas viaxes da fin de semana, mentres que a ruta que parte do embarcadoiro de Belesar alcanzou un 85% de aforo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As rutas fluviais da Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra foron un gran atractivo na ponte do Pilar, chegando prácticamente a completarse as prazas dispoñibles. O embarcadoiro de Ponte do Sil recibiu 1.110 viaxeiros, o que supón un 97% de ocupación, e a viaxe polo río Miño alcanzou o 85%, o que supón 381 viaxeiros. En conxunto, esta fin de semana gozaron preto de 1.500 persoas deste atractivo turístico cada vez máis demandado polas persoas que visitan este territorio.

A institución provincial vén de aumentar ao 90% os aforos das embarcacións, adaptándose ás novas disposicións sanitarias autonómicas, publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). Desde o organismo provincial mantéñense vixentes as restantes medidas de prevención e contención da Covid-19, como as distancias de seguridade, o uso de máscaras, a desinfección dos monocascos ou a hixiene de mans. Tamén se continuará evitando que se produzan concentracións de persoas nos embarcadoiros.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, valorou positivamente estes datos e destacou que “a ampliación do número de viaxeiros non chegou a cubrir a demanda para estes percorridos, e na ruta de Belesar fixemos dúas viaxes a maiores durante a fin de semana para cubrir as solicitudes”.

As persoas que desexen realizar estas viaxes poden reservar o seu billete na páxina web reservas.rutasembalses.es, contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.

A institución mantén un ano máis os prezos para favorecer o fluxo de viaxeiros e a actividade económica que xera este servizo na zona sur. Deste xeito, as tarifas van dos 9 aos 4 euros, tendo en conta se a viaxe se fai con billete ordinario ou reducido, ou con tarifa de grupo.

Ata a ponte festiva de decembro, as embarcacións saen de mércores a domingo, con dúas viaxes por día, na ruta que parte do embarcadoiro Ponte do Sil, e nas fins de semana, na ruta que sae do embarcadoiro de Belesar.

ÚLTIMAS

Quiroga celebra este 25 de outubro o QuiMedo con 8 casas do terror

A cita do terror pechou o prazo de inscricións unha vez se acadaron os 1.200...

Arrinque exitoso de inscricións no Quiroga Trail Challenge 2026

O pasado 13 de outubro abríronse as inscricións para unha nova edición do Quiroga...

A entidade AGORA presenta a reforma do aseo do seu Centro de Atención Diurna

Co fin de  mellorar as súas instalacións e que as mesmas sexan un referente...

O PP de Monforte presenta unha moción para mellorar a seguridade da estrada provincial en Piñeira

A voceira popular, Katy Varela, explica que os traballos realizados non contemplaron o aumento...