O proxecto da residencia de Pantón é o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación. “Isto ten a vantaxe de que se incorporaron todas as melloras que se foron detectando grazas á experiencia conseguida nas residencias que xa temos en funcionamento”, concreta Tomé Roca.
Este Centro de Atención a Maiores construirase no centro de Ferreira, na rúa Ourense. “Será moi acolledor, tanto pola súa situación, en pleno centro de Ferreira, como polo seu deseño, pensado por e para as persoas, de tal xeito que favorecerá unha atención personalizada e unha convivencia agradable”, destacou Tomé Roca.
A residencia creará emprego e actividade económica, aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou produtores de alimentos.
Centro de atención a maiores de Pantón
Terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. Todas as habitacións serán accesibles e amplas, e contarán con cuarto de baño propio. O edificio constará dunha planta semisoto, unha planta baixa, dúas plantas altas e un ático.
No semisoto situarase unha sala de estimulación multisensorial, despachos para o persoal, vestiarios e almacéns. A planta baixa é a de acceso principal. Albergará o comedor, a cociña, a zona de administración e dirección, salas de convivencia e de actividades, así como cuartos de baños. As dúas plantas superiores acollerán as habitacións cos seus correspondentes cuartos de baño, ademais de almacéns e locais de limpeza. No ático está a zona de lavandería, locais das instalacións e almacéns.
Na actualidade a Deputación ten sete centros de atención a maiores abertos en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, e o ano que vén prevé abrir o de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Ademais, sigue traballando nos proxectos que están en marcha na Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol ou Folgoso do Courel, entre outros. Nos orzamentos 2022 a Deputación aumenta un 20% a partida que destina aos Centros de Atención a Maiores ata acadar preto de 10M€.