O acto enmarcouse dentro do programa de actividades do stand de Galicia en Fitur, un acto organizado pola Red de Juderías baixo o lema “Descubrindo as xudarías galegas de Monforte de Lemos, Ribadavia e Tui”. A actividade promocional tamén serviu para dar a coñecer outros valores artísticos, patrimoniais, paisaxísticos e gastronómicos específicos de cada unha das cidades presentes.
Gloria Prada iniciou a súa intervención resaltando que “Monforte como capital da Ribeira Sacra é un paraíso dentro da provincia de Lugo, na que é a segunda cidade da provincia”. Resaltou a importancia do conxunto monumental de San Vicente e da súa Torre da Homenaxe, onde se atopan importantes pegadas do pasado sefardí a través dos “signos lapidarios da estrela de Salomón”. Unha pegada, a do pobo xudeu, presente nas rúas, prazas, murallas e casas da cidade,.
A representante monfortina tamén fixo un repaso pola importante oferta turística que ofrece a cidade, dende o Parador de Turismo, pasando polo Casco Histórico declarado Ben de Interese Cultural en 1973, os Escolapios –o “Escorial galego”-, os museos da cidade, ou o Miradoiro do Duque, sen esquecer a oferta gastronómica, vinícola –grazas á “viticultura heroica”-, e de grandes eventos de periodicidade anual, como a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as Festas Patronais.
Tras a súa intervención, procedeuse á proxección dun vídeo promocional da cidade de Monforte, prestándolle especial atención á súa xudaría. As actividades promocionais do concello de Monforte seguirán ao longo desta semana.