HomesociedadeCarlos Julio, promesa do xornalismo quirogués, ficha polo ‘Galicia en Goles’ da...

Carlos Julio, promesa do xornalismo quirogués, ficha polo ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega

O creador do medio dixital Diario de Quiroga comezou hai poucos días unha colaboración co recoñecido programa deportivo da radio autonómica para facer retransmisións de partidos de fútbol. Falamos con el.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Carlos Julio González é un rapaz de Quiroga que tivemos a sorte de coñecer xa no ano 2019. Foi dando conta do seu bo facer como xornalista afeccionado no dixital comarcal Diario de Quiroga, un medio de comunicación que empezou a xestionar con tan só 16 anos e cunha profesionalidade impropia, a priori, dunha persoa tan nova.

Xa vimos daquela que Carlos Julio prometía e non nos enganamos. O dixital non para de medrar sendo xa unha referencia informativa da Comarca de Quiroga, xa fixo prácticas e colabora como xornalista para El Progreso, e dende hai uns días é oficialmente colaborador do mítico “Galicia en Goles”, o programa de radio líder dos domingos na Radio Galega.

Aproveitamos a ocasión para preguntarlle a este quirogués como lle vai cos seus proxectos máis importantes, Diario de Quiroga e a carreira de xornalismo en Compostela, e como recibiu a boa nova de ‘fichar’ polo Galicia en Goles.

Como vai Diario de Quiroga, un dixital que este ano fará catro anos?

Pechou 2021 con algo máis de 238.000 visitas, unha cifra que considero moi positiva, pero o máis importante segue a ser que é útil para as persoas que o consultan, moitas delas dende fóra da comarca, e, sobre todo, que me serve para seguir aprendendo e estando en contacto coa actualidade de Quiroga. Ás veces non lle podo dedicar o tempo que me gustaría, pero intento mantelo actualizado sempre que podo.

“Diario de Quiroga pechou 2021 con algo máis de 238.000 visitas”

E a carreira de xornalismo, neste segundo curso para ti?

Cambiou bastante con respecto ao ano pasado, especialmente o que vén sendo a “vida universitaria”! No tocante ao eido académico tiven algunhas materias con máis prácticas e esa é a parte que máis me gusta e a que considero máis útil para aprender.

Estás vendo cousas sobre a profesión que xa tes ‘interiorizado’ a partir da práctica que tes de facer radio e levar DdQ?

Si, pero máis que da práctica que poida ter é de escoitar a radio e de ler prensa habitualmente. Paréceme fundamental, porque vas collendo elementos que logo aplicar. En RadioVoz e na Radio Municipal de Quiroga collín soltura e moitas outras cousas aprendinas este verán no xornal, iso si que o noto bastante.

O pasado verán fixeches prácticas no diario El Progreso, con que te quedas da experiencia?

Foron dous meses sen parar de aprender nin un só día, unha das mellores experiencias da miña vida. Non sabería quedarme cun aspecto en concreto, penso que é unha suma de pequenas cousas que fun recollendo e que non vou esquecer, ademais de que me van axudar moito nun futuro.

“Foron dous meses sen parar de aprender nin un só día, unha das mellores experiencias da miña vida”

Segues a colaborar con este medio?

Colaboro con eles puntualmente, cando hai algún evento ou suceso en Quiroga no que lles podo botar unha man con fotos ou algo de texto.

Cónstanos que os deportes é un dos teus temas preferidos e que esa afección xa vén de atrás: da escola e dun blog persoal que levabas. Cóntanos.

Así é! O deporte encántame, sobre todo o fútbol. Antes de Diario de Quiroga o meu primeiro contacto con isto dos blog foi con Quiroga Xoga, un portal deportivo que comecei con dous compañeiros como un traballo do instituto. Despois, ao rematar o curso, foi perdendo forza e aí foi cando creei DdQ, onde “integrei” nunha sección o traballo que viñamos facendo no blog de deportes.

“O deporte encántame, sobre todo o fútbol”

Retransmitindo o seu primeiro partido para ‘Galicia en Goles’. Foto: Carlos Julio

Acabamos de saber que ‘fichaches’ polo ‘Galicia en goles’, programa deportivo de referencia da Radio Galega. Como contactan contigo e en que vai consistir a túa colaboración?

Contactaron comigo porque precisaban alguén para cubrir os partidos como local do CD Barco. A colaboración vai consistir en retransmisións de partidos de fútbol nas fins de semana dende os campos. Comecei o domingo en Palas de Rei co Monterroso – San Roque da Primeira Autonómica (o partido do CD Barco fora adiado o día antes polo Covid). Se todo vai segundo o previsto, a seguinte semana espero poder estrearme en Calabagueiros.

“Contactaron comigo porque precisaban alguén para cubrir os partidos como local do CD Barco”

E falando de radio. Seica fas máis cousas, non?

Colaboro polas mañás en Fórmula FUN, unha emisora musical de Narón.

Carlos Julio nos estudios de Fórmula FUN. Foto: CJ

ÚLTIMAS

L∃EMOS, novo selo de Agrasar Editores que abre a porta a xéneros e voces universais

Desde a súa fundación, Agrasar Editores, foi un piar na preservación e promoción da...

Horario do bus urbano de Monforte os días 5 e 9 de decembro

O Concello de Monforte informa que a empresa de transportes concesionaria do servizo do...

O xulgado arquiva a denuncia por violación grupal nun pub de Sarria

A xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Sarria decretou...

Este 6 de decembro celébranse os XII Cantos de Taberna da Pobra do Brollón

Todos os grupos pasarán ao longo do serán polos seis bares do municipio: Avenida,...