HomesociedadeTrío de citas gastronómicas no sur da provincia protagonizan unha fin de...

Trío de citas gastronómicas no sur da provincia protagonizan unha fin de semana de “nova normalidade”

Na fin de semana en que se anuncia o fin do certificado Covid na hostalería galega retómanse algunhas das citas emblemáticas na gastronomía do sur da provincia: a XIV Festa do Cocido do Porco Celta da comarca de Sarria, o XIV Estase Cocendo na Ribeira Sacra e as IV Xornadas Gastronómicas Pratos de Culler en Chantada.

Publicado o

- Advertisement -

No verán do 2020, despois do confinamento, comezábase a falar da nova normalidade, que durante este tempo foi máis ben anormal, sen embargo neste 2022 parece que unha posible nova normalidade de asoma.

No sur da provincia de Lugo o entroido celébrase como antes da pandemia e os concellos teñen programados os seus desfiles. Monforte prepara a Feira Medieval, Taboada pospón para abril a Festa do Caldo de Ósos e os concellos que celebran as súas Feiras do Viño confían en facelas este ano, mentres a D.O. Ribeira Sacra volve ás feiras internacionais que se comezaron a celebrar e despois do parón do ano pasado, volve a organizar este venres a cata de calificacion da última colleita.

Cocido porco celta / XdL

Isto dá boa mostra de que as axendas culturais, promocionais, gastronómicas,… que impliquen á hostalería volven a parecerse ao que eran. Para completar ese proceso cara a normalidade, este mércores despois da reunión do comité clínico, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciaba que esta fin de semana suavízanse as restricións en Galicia e que a hostalería pode deixar de pedir o certificado COVID. Tampouco será necesario que realicen o rexistro de usuarios e os topes de comensais por mesa soben: de 8 a 10 en interiores e de 15 a 20 no caso das terrazas.

Este novo contexto axudará a impulsar algunhas citas gastronómicas que se celebran no sur da provincia de modo inmediado, a XIV Festa do Cocido do Porco Celta da comarca de Sarria, o XIV Estase Cocendo na Ribeira Sacra ou as IV Xornadas Gastronómicas Pratos de Culler en Chantada.

XIV Festa do Cocido do Porco Celta na comarca de Sarria

Este luns o Hotel Alfonso IX de Sarria acollía a presentación da XIV Festa do Cocido do Porco Celta na comarca de Sarria que nesta ocasión cambia de formato. Do 26 de febreiro ao 1 de marzo 7 establecementos ofrecerán cocido de porco celta con previa reserva: Hotel Alfonso IX, Hotel Roma, O Chanto e D´ Orixen en Sarria e Hotel A Veiga, Mesón A Pontenova e Albaroque en Samos. E terán tapas e racións de porco celta, Cafetería Central e D´ Orixen en Sarria e Cantina de Renche en Samos.

Cocido Porco Celta comarca de Sarria / XdL

Esta cita sácase adiante coa colaboración dos concellos de Sarria, O Incio, Láncara, Paradela, Páramo, Samos e Triacastela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Asoporcel, Embutidos Teijeiro, Panadaría Pallares e Sarria 100, Asociación de Hostalería e Turismo do Camiño Francés.

XIV Estase Cocendo

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) presentará este xoves a décimo cuarta edición do Estase Cocendo. O acto terá lugar no salón do Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos ás 18:00 h.

As Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra celebraranse por toda a comarca dende o vindeiro 26 de febreiro ata o 27 de marzo, ambos incluídos.

O presidente da Apehl, Cheché Real, subliña que “son moitos os establecementos hostaleiros de toda a Ribeira Sacra os que ofrecerán tapas, menús e suxerencias especiais referentes ao cocido e todos eles estarán identificados co cartel do certame”. No seu interior todos aqueles interesados disporán de dípticos informativos coa relación de toda a información do evento.

Durante o mes dedicado ao cocido tamén están previstas diversas actividades para que a xente se anime a saír e volverase a sortear o porco de máis de 100 kg entre todos os que consuman ou participen das diferentes ofertas do Estase Cocendo. No acto de presentación é xa unha tradición contar cun compadre ou cunha comadre protagonista do acto, “nesta ocasión faremos unha homenaxe especial a todos os sanitarios e sanitarias pola seu labor durante esta pandemia”, finaliza.

IV Xornadas Gastronómicas de Pratos de Culler

En Chantada a Asociación de Empresarios de Chantada e cca Ribeira Sacra pon en marcha as IV Xornadas Gastronómicas de Pratos de Culler que se celebrarán os días 25-26 e 27 de febreiro a partir das 20.00h.

Participan:
1.- A Viñoteca – Caldereta 
2.- Bar Parada – Potaxe de entroido. 
3.- Cafetería Universal – Aquí hai tomate!
4.- A Faragulla – Fabas de Lourenzá con chourizo , morcilla e panceta de porco celta. 
5.- Café Cantón – Ouro en crema. 
6.- Cafetería Santa Ana – Garavanzos con costela. 
7.- adaRosa tapería –  Callos adaRosa.
8.-  Bar Mánix – Caldo de Mar-ga
9.- Carballeira – Potaxe de cuaresma. 
10.- O Casino – Delicia doce do Casino. 
11.- Mesón Mogay –  Caldo galego con chourizo e tenreira. 

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...