HomesociedadeArrinca na Ribeira Sacra o XIV Estase Cocendo con recoñecemento ao persoal...

Arrinca na Ribeira Sacra o XIV Estase Cocendo con recoñecemento ao persoal sanitario

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acollía na tarde deste xoves, 24 de febreiro, o acto inaugural do XIV Estase Cocendo, evento gastronómico que se desenvolverá entre o 26 de febreiro e o 27 de marzo en establecementos de hostalería da Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na presentación desta cita cun prato típico, o cocido de Entroido, foron tamén protagonistas os sanitarios e sanitarias; ‘Compadres e Comadres’ aos que se lles rendeu homenaxe nesta décimo cuarta edición polo labor realizado ao longo de toda a pandemia.

O acto foi presentado pola locutora monfortina Manola Porto e contou coa presencia de Jacobo García-Bobadilla, secretario da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) que acudía substituíndo a Cheché Real; Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos; Pablo Rivera, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Paloma Vázquez,
xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, Inmaculada Ramos, Directora do Hospital Comarcal de Monforte e a delegada da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) en Monforte de Lemos, Beatriz Vila.

Todos coincidiron en sinalar que o evento está consolidado e tamén en “tratar de volver á normalidade” animando á participación. Como parte da presentación, Inmaculada Ramos, Directora do Hospital Comarcal de Monforte, recolleu en nome dos sanitarios e sanitarias o obsequio que a organización lles entrega como ‘compadres e comadres’ da edición deste ano do ‘Estase cocendo’, unha peza elaborada na olaría de Gundivós.

Presentación Estase Cocendo 2022 e recoñecemento a sanitarios / XdL

Nesta cita gastronómica xa clásica da Ribeira Sacra participan unha trintena de establecementos hostaleiros dos concellos de Monforte, Chantada, Bóveda, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Pantón, Quiroga e Portomarín. Ao longo de todo o mes, algúns locais ofrecerán tapas de cocido –a un prezo de 1,5 €– nas fins de semana e outros porán a disposición dos clientes cocido de menú ou de prato do día. Como xa viña sendo habitual durante este mes, tamén haberá prezos especiais en numerosos hoteis, pensións e casas de turismo rural da comarca.

Ademais, comentou tamén que as persoas que proben o cocido en calquera das modalidades ofertadas serán agasalladas cunha rifa coa que optarán a un porco de 100 quilos da Devesa dos Formigueiros. Levarase o premio quen teña a papeleta coas catro últimas cifras do número premiado no sorteo da ONCE do 2 de abril.

ACTIVIDADES PARALELAS

O programa conta tamén cunha serie de actividades, como son unha quedada de motos, visitas guiadas por Monforte e un cocido das meigas.

A ‘Quedada de motos’ consiste nunha ruta pola Ribeira Sacra que sairá dos Escolapios de Monforte o día 12 de marzo ás 10:30 h. e que contará con guía e cocido de xantar incluído.

As ‘Visitas guiadas’ por Monforte serán os sábados do mes de marzo e sairán ás 11:00 h. dos Escolapios de Monforte. Son de balde, inclúen degustación de viño D.O. Ribeira Sacra e cómpre facer reserva previa nos teléfonos: 982 412 050 / 676101649.

O ‘Cocido das Meigas’ consiste nun aquelarre de Meigas que terá lugar o 26 de marzo ás 20:00 h. e con actuación de Batucada. A reserva previa farase no teléfono 982 412050.

A maiores, algúns negocios turísticos ofertan ao longo deste mes alternativas lúdicas como visitas a adegas, paseos a cabalo ou rutas en segway pola Ribeira Sacra.

O Estase Cocendo é unha iniciativa da Apehl que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración dos Concellos de Monforte de Lemos, Quiroga, Sober, O Saviñao e A Pobra do Brollón, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, do Centro do Viño da Ribeira Sacra, do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, da Asociación Prodeme, do Centro de Enseñanzas Artísticas Creativa, de En Lá e do Centro Comercial Urbano de Monforte.

Manola Porto. locutora de Onda Cero Monforte, presentando o acto / XdL

ÚLTIMAS

Campus de Voleibol e de Fútbol en Quiroga

O Concello de Quiroga poñerá en marcha un ano máis, e xa van 5,...

O Concello de Chantada aumenta a capacidade e mellora os servizos do punto limpo

O Concello de Chantada vén ampliando e mellorando o punto limpo do municipio desde...

305.000€ para un novo aparcadoiro no Polígono do Reboredo en Monforte

O aparcamento actual, que se ubica na marxe esquerda da vía principal do Polígono,...

Aberto o prazo para a ludoteca de verán de Triacastela

As actividades da ludoteca terán horario de 09:30 a 14:00 horas. Ofértanse 20 prazas...