O concello de Monforte levará a cabo de xeito inminente as accións de cooperación a través dunha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella Internacional. O concello manifesta o apoio ao pobo ucraíno e en acordo adoptado por unanimidade este luns en Xunta de Goberno, decide aportar unha axuda económica directa e inmediata por importe de 10.000 €, así como a adquisición de material de primeira necesidade por importe de 18.000€, que se canalizarán a través da Cruz Vermella Internacional.
“Sabemos que a día de hoxe a prioridade é axudar á poboación civil nestes momentos nos que atravesan situacións tan difíciles, e sabemos que a mellor forma de facelo é en colaboración coas entidades que están no territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, asegurou o Alcalde.
Oferta de aloxamento para os refuxiados ucraínos
Non dispoñendo o Concello de vivendas da súa propiedade para o acollemento a familias de refuxiados ucraínos, comunica á cidadanía en xeral, que aquelas persoas que dispoñan de ditas vivendas e queiran colaborar co Concello, se dirixan ao correo electrónico alcaldia@concellodemonforte.com, concretando o máis detallado posible as características e servizos dos inmobles ofertados para que, a través do Concello, se remitan á Subdelegación do Goberno e desta forma realizar dita oferta de forma coordinada. Especificarase o tipo de vivenda que ofertan, número de habitacións, baños, servizos incluídos, electrodomésticos dispoñibles, conexións a internet, etc., así coma ubicación do mesmo. E se ofertan un acollemento de familias ou ofrecen vivendas.
Como colaborar
O concello agradece o ofrecemento da veciñanza de Monforte e recorda que dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia, así como dende diversas ONG’s e do Fondo Galego de Recuperación e Solidariedade infórmase aos concellos e recoméndase á cidadanía as seguintes cuestións:
- Paralizar as doazóns de bens en especie, dado que se está a producir unha saturación tal que carrexa graves dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. Ademais, descoñécese cales son os materiais que se necesitan en cada momento, xa que a situación de crise é cambiante. Por tanto, se algún concello ou deputación ten en marcha algunha campaña de recollida de alimentos e materiais de primeira necesidade a mellor opción será gardar todo o material para ser empregado unha vez cheguen as persoas refuxiadas a Galicia.
- Priorizar as achegas económicas. O máis eficiente e eficaz é sempre facer unha achega económica ás ONG ou organismos internacionais que están dando apoio á poboación ucraína afectada, para que merquen o que realmente precisan no momento que o precisan. Estas doazóns pódense realizar a través das seguintes entidades, entre outras:
- Coordinadora Galega de ONGD: https://galiciasolidaria.org/como-apoiar-a-poboacion-na-ucraina/
- Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella: https://www.icrc.org/es/donate/crisis-en-ucrania
- Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas. Fondo Humanitario para Ucraína: https://www.unocha.org/ukraine/about-uhf
- Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR): https://eacnur.org/es/crisis-ucrania
- Os concellos deberán rexistrar as vivendas dispoñibles para acoller poboación refuxiada a través do formulario habilitado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste senso, a prioridade son solucións habitacionais de titularidade pública, ou en todo caso vivendas privadas, e non espazos compartidos con familias galegas.
- Descártanse as iniciativas individuais para recibir a menores non acompañados, lembrando que existe un sistema de acollida institucionalizado e que, na medida do posible, as nenas e nenos deben reagruparse coas súas familias.
- Non facer envíos de materiais por conta propia. É unha irresponsabilidade trasladar o envío de materiais desde a nosa localidade ata a fronteira da zona en conflito. Sempre que se faga un envío de materiais de axuda humanitaria debe ser baixo o amparo dunha ONG especializada. Ademais, se non temos a unha entidade receptora no país de destino, a viaxe pode resultar completamente inútil.
- En ningún caso ir en busca de persoas para traer á nosa localidade. E moito menos se se trata de menores. Esta tarefa debe quedar en mans das autoridades competentes e non podemos sortear todos os procedementos legais e burocráticos precisos para materialización da acollida, porque podemos estar poñendo en risco ás persoas refuxiadas.
“Desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fannos un chamamento á calma e á orde, pois aínda que hai moita vontade por parte dos concellos galegos de colaborar co pobo ucraíno, precísase que sexa feito de xeito organizado e coordinado, escoitando as recomendacións das administracións públicas competentes e das ONG expertas, para non entorpecer a materialización da axuda” subliña o Alcalde.