HomesociedadeO primeiro furancho da Ribeira Sacra inaugúrase o 2 de abril en...

O primeiro furancho da Ribeira Sacra inaugúrase o 2 de abril en Trasmonte, Vilachá de Salvadur

O colleiteiro Pedro Pérez González abre un furancho na súa vivenda de Trasmonte, Vilachá de Salvadur, no concello da Pobra do Brollón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello da Pobra do Brollón puxo en marcha a posibilidade de abrir furanchos a través dunha ordenanza municipal en vigor dende xaneiro, co obxectivo de ofrecer a viticultores a venda directa do seu excedente. Pedro, de 60 anos de idade, cumpre este perfil de viticultor arribeirado. Criado en Trasmonte na tradición da viticultura do patao, a súa vida profesional tirou por outros carreiros, principalmente a construción, mais sempre mantendo as viñas da casa. Unha actividade non profesional que agora ten a oportunidade de dar uns rendementos económicos, ou cando menos non xerar perdas.

“Non podemos pretender que a ribeira sexa mantida pola paixón de viticultores que traballan a perdas ou malvenden a uva ás adegas,” sinala Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

Os furanchos son establecementos regulados que ofrecen produtos moi definidos en períodos determinados do ano. A apertura do furancho será en abril ata o final do mes de xuño aínda que “se temos viño abondo poderemos pedir unha prórroga para o mes de xullo,” comenta Pedro Pérez, propietario do furancho.

Os furanchos só poden vender os excedentes de viño e as tapas estipuladas na ordenanza. “O viño que fago para min é o que se vai poñer no furancho,” engade Pedro. En canto ás tapas, destaca a empanada: “Na nosa casa sempre se coceu a empanada no forno de leña. Queremos que quen veña ao furancho goce dese tipo de produto, familiar e tan noso”.

“O viño é Patrimonio e todo o que xera ao seu redor. Podemos ir a un furancho a tomar un viño e escoitar as historias da aldea na que estamos de primeira man… como se fixo sempre,” reflexiona o alcalde. Este primeiro furancho é concibido tamén como un espazo cultural, “A música e a cultura serán importantes neste furancho,” comenta Lucía Pérez, filla de Pedro. “Un espazo comunitario.”

O furancho, que recibirá o nome O Currio por ser o nome da casa na que se sitúa, abrirá na aldea de Trasmonte, na parroquia de Vilachá. A inauguración será o 2 de abril.

ÚLTIMAS

Alumnado da ESO do IES Río Cabe clasifícase para a fase final do ‘torneo de debate do Parlamento Xove’

Un equipo da ESO do IES Río Cabe vén de conseguir o segundo posto...

Regina López, nova concelleira en Monforte de Muller, Igualdade e Consumo   

O nomeamento de Regina López prodúcese despois da renuncia á acta por motivos persoais...

A Fiscalía abre proceso contra José Tomé por presunto acoso sexual

O paso da Fiscalía Provincial prodúcese tras recibir unha denuncia particular por feitos "supostamente...

Os veteranos do Club Quixós de piragüismo fan pleno no podio nunha proba disputada en Portugal

O Club Quixós desprazábase esta pasada fin de semana ata Portugal para competir na...