Homesociedade90.000€ para unha Medieval camiño de ser Feira de Interese Turístico de...

90.000€ para unha Medieval camiño de ser Feira de Interese Turístico de Galicia

Volve a Feira Medieval de Monforte despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia e faino coa edición 18, a maioría de idade, despois quedarán dúas para acadar as 20 edicións e conseguir a condición de Feira de Interese Turístico de Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este sábado durante o “Mercado para a Medieval”, que se celebra na Praza de Abastos de Monforte, o programa oficial da XVIII Feira Medieval de Monforte, que terá lugar o 16 e 17 de abril deste ano 2022.

Logo de dous anos de ausencia no calendario de actos de Monforte, por mor da pandemia da Covid-19, o equipo de goberno adica a esta cita 90.000 euros, incrementando anualmente a dotación desde os pouco máis de 40.000 euros que recibiu no 2015. Este incremento ten como consecuencia un aumento da superficie da cidade que se destina á celebración do evento e o incremento dos postos de diferentes mostras e sectores relacionados co artesanía, hostalería e outras actividades que compoñen o Mercado Medieval da Feira.

O Campamento Medieval ubicado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo. Ás 12 horas da mañá do sábado 16 de abril uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade, dándolle paso ó saúda do Alcalde. Posteriormente terá lugar unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira. Contarase con Campamento Infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, obradoiros, torneos e atraccións medievais para os máis pequenos.

O espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Halconeros de Castilla” vaise volver a realizar no Campo de San Antonio. Mantense un dos espectáculos máis atractivos como son as Xustas Medievais, desenvoltas por “Hípica Celta”, que atraen sobre todo ó público máis xoven e cada ano enche de público o campo de terra dos Pais Escolapios. Este ano, como novidade contarase tanto o sábado coma o domingo ás 6 da tarde, cun Gran Torneo Medieval.

“Ó mesmo tempo, queremos que os espectáculos de lume sigan tendo un protagonismo importante na Feira Medieval, e correrán a cargo de diferentes agrupacións que sairán da praza de España percorrendo as principais rúas da feira, na tarde do sábado”, subliñou José Tomé. Na noite do sábado 16 de abril, farase a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado. Este ano auméntase o número de fachos de 100 a 200, un 100% máis que na anterior edición, que serán repartidos no Campo da Virxe e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta de faroliños de papel como en anos anteriores. Neste senso, tamén se incrementará o número de faroliños un 150% máis, pasando de 200 a 500 unidades.

Contarase con 6 actuacións musicais por día, por conta das agrupacións monfortinas: a Batucada de Creativa e os Xograres de Lemos. Unha das principais novidades deste ano é o Desfile do Gran Dragón, que percorrerá dende a praza de España as principais rúas da Feira, tanto o sábado coma o domingo á noitiña. O domingo día 17 ás 9 da noite na praza Campo de San Antonio contarase co espectáculo “Fire Performance”, composto por música, acrobacias, bailaríns, percursionistas e manipuladores de lume, que realizarán diferentes cadros escénicos para pechar o domingo a Feira Medieval.

Outro aspecto novidoso do programa será a inclusión por primeira vez dunha Mostra-exposición avícola, formada por distintas especies de aves do entorno, a cargo de “Avicultores Artesanais da Ribeira Sacra”. Esta mostra terá lugar durante toda a xornada do domingo na praciña que da ás rúas Ricardo Quiroga, do Burato e Pescaderías.

A Asociación de Artesáns de Monforte é unha peza fundamental colaborando coa montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma na elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas.

O Parador de Turismo recupera a celebración de comidas e ceas medievais, tanto o sábado coma o domingo, sempre con reserva anticipada. Nesta edición contarase con 103 postos, 50 son de artesanía, 34 de alimentación e 19 de comercio.

ÚLTIMAS

Ribeira Sacra ao 65% de ocupación nesta Ponte das Letras Galegas

A ocupación é moi semellante a esta ponte en anos anteriores. Como apuntan desde...

A Fundación San Rosendo adxudica as obras da residencia da terceira idade de Pantón

Para a posta en marcha deste servizo a Fundación San Rosendo destina case 1.500.000€....

Trofeo ao equipo alevín do C.B. Val de Lemos como gañador da Liga de 2ª provincial

O equipo monfortino recibiu o trofreo correspondente á Liga de 2ª Provincial de baloncesto,...

O DOG publica a modificación do prego de condicións que solicitou a DO Ribeira Sacra para mellorar o selo de calidade

A aprobación destas modificacións corresponde á administración autonómica, xa que non afectan ao nome...