O proxecto de mellora da actual rúa Rof Codina, que contribuirá a complementar ás actuacións incluídas no proxecto de urbanización da Zona C, non está incluído no orzamento de actuacións da Zona C, e farase dentro do programa de melloras das infraestruturas municipais, que desenvolve o equipo de goberno.
Este proxecto ten un custe de licitación de 163.398,41 euros (IVE engadido), publicarase na Plataforma de Contratos do Sector Público, o luns día 25 de abril e estará aberto o prazo de presentación de ofertas ata o sábado, 21 de maio. A mesa de contratación celebrarase o luns 23 de maio.
“Para completar o proxecto da Zona C, consideramos que é necesario, actuar tamén na rúa Rof Codina, dende a Avenida de Galicia ata a nova zona urbanizada, onde os traballos están xa moi avanzados no que se refire ós desescombros, regularización do conxunto do terreo, e tamén xa se poden apreciar os novos viais e beirarrúas”, sinalou o Alcalde.
O Concello actualmente está desenvolvendo as obras de urbanización e dotación de servizos en dita Zona C, logo de que fora adxudicado este proxecto construtivo á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. por un importe de algo máis de 915.000 euros (915.225,85€). Unhas obras que se estima estén rematadas ó longo deste verán.
Mellora Rof Codina
Coas obras en Rof Codina a calzada terá un ancho fixo de 3,50 metros e as beirarrúas terán anchos variables de entre 2,65 e 2,85 m., “co cal levaremos a cabo unha importante ampliación do espazo para uso peonil, humanizando deste xeito o conxunto da actuación, dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas” subliñou o Alcalde.
As beirarrúas van ter un firme de granito, semellante ó que se vai colocar no inicio da nova urbanización e no entorno da Gardería municipal, integrándose no conxunto da nova urbanización. Renovarase abastecemento e saneamento, e soterraranse as redes de alumado público, baixa tensión e de telecomunicacións. Habilitaranse dúas zonas de carga e descarga.
O Alcalde tamén explicou que “todas as novas rúas, que son tres as relacionadas con este proxecto, serán de dirección única, e polo tanto é necesario que o inicio de Rof Codina tamén sexa de dirección única en sentido dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas, mentres que a rúa que da acceso á Gardería Municipal terá un sentido de circulación como as agullas do reloxo, entrando dende a rúa Ourense e saída cara a rúa Cobas”.
Deste xeito, haberá unha circulación fluída, evitando entronques dificultosos e simplificando o tráfico o máis posible, dando unha solución semellante á travesía Veiguiña ou á rúa Germán Vázquez, o cal redunda na seguridade dos peóns.