O Día Mundial Sen Tabaco celébrase en todo o mundo para informar ó público sobre os perigos que supón o consumo de tabaco, as prácticas comerciais das empresas tabacaleiras, as actividades da OMS para loitar contra a epidemia de tabaquismo, e o que as persoas de todo o mundo poden facer para reivindicar o seu dereito á saúde e a unha vida sa, e protexer ás futuras xeracións.
O lema neste ano é “O tabaco, unha ameaza para o noso medio ambiente”. A campaña ten por obxectivo sensibilizar ao gran público sobre o impacto ambiental que ten o tabaco, desde o seu cultivo e produción ata a súa distribución, sen esquecer os residuos que xera. Esta campaña dará aos consumidores de tabaco un motivo máis para deixalo.
A Asemblea Mundial da Saúde instituíu o Día Mundial sen Tabaco en 1987 para chamar a atención mundial cara á epidemia de tabaquismo e os seus efectos letais. A celebración deste día é unha oportunidade para destacar mensaxes concretas relacionadas co control do tabaco e fomentar a observancia do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco. O consumo de tabaco é a principal epidemia previble á que se enfronta a comunidade sanitaria.
Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD)
Dentro das actividades realizadas pola Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Monforte, ademais da mesa informativa coa que traballaron hoxe, poderá visitarse unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, composta por traballos realizados por usuarios de Centros de Día e Asociacións de toda a comarca de Lemos. A exposición permanecerá aberta dende o 1 ata o 16 de xuño.
Para máis información os interesados poden dirixirse ós servizos de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependendias do Concello de Monforte, situados na Praza da Estación, 17, no 982 400 495 e no correo electrónico uad@concellodemonforte.com