Homesociedade"Segue sen haber participación cidadá nos PERTE da Ribeira Sacra", lamenta a...

“Segue sen haber participación cidadá nos PERTE da Ribeira Sacra”, lamenta a Federación de asociacións da Ribeira Sacra

A Dirección Xeral de Patrimonio anunciou 19 proxectos dirixidos á Ribeira Sacra, por valor de 372 millóns de euros, como resultado dun proceso participativo co sector cultural. Pero desde a recén creada Federación aseguran que iso non é certo xa que o tecido asociativo cultural e veciñal da Ribeira Sacra quedou á marxe.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Ningunha das máis de 50 asociacións que compoñen a Federación foi convocada á reunión. “A propia Ribeira Sacra non estivo representada por ningunha entidade vencellada a este territorio. O patrimonio, a paisaxe e a cultura manteñen unha relación cotián co pobo que habita este espazo. Se estas persoas vencelladas á cultura non son consultadas, nin preguntadas, nin convocadas a algún encontro, a pregunta é pertinente: cal foi o proceso participativo?”, sinalan desde a Federación.

Os habitantes da Ribeira Sacra, organizados nesta Federación, queren alzar a voz para reclamar ser escoitados. “Porque o noso propósito é contribuír á mellora deste territorio, de participar nos procesos que nos afectan e opinar sobre as necesidades que percibimos (neste caso en materia cultural).”

A Federación, que se creou precisamente porque non existiu ata agora a participación real da cidadanía nos instrumentos de ordenación do territorio, entende que os 19 proxectos culturais e os 372 millóns de euros anunciados, así como outros de natureza ambiental, económica, etc. deberían saír de procesos participativos reais, que dean respostas ás necesidades.

“Quen mellor que as asociacións do territorio para coñecer as necesidades e os proxectos a desenvolver? Insistimos na contextualización e recuperación do patrimonio material superando visións curtopracistas e mercantilistas; catalogación e protección do patrimonio inmaterial; viveiros culturais, que permitan iniciativas formativas, audiovisuais e editoriais itinerantes no ámbito rural; concibir as persoas como patrimonio, xa que delas depende a pervivencia de moitas tradicións, etc.”

A Federación acredita que o sector primario é fundamental para fixar poboación das parroquias e reverter a desertificación e o inverno demográfico. Por iso consideran que os PERTE deben centrarse na mocidade e no sector primario e non en proxectos de multinacionais ou mesmo proxectos non produtivos. “O noso territorio precisa dunha cultura viva que se desenvolva e cre tecido cultural nas nosas comarcas e ten que desenvolver proxectos de produción e transformación agro-alimentar que
xeren valor engadido fronte ás inercias dunha economía exclusiva de servizos e precariedade ou converter a Ribeira Sacra nunha “Marbella occidental”.

Por último instan á Consellaría a remitirlles o proxecto da Ribeira Sacra coa maior brevidade e estabelecer canles para a recollida de propostas “que nos permitan remendar esta esperpéntica situación.”

ÚLTIMAS

O BNG de Monforte leva a pleno un punto de información turística na Compañía

Explican os nacionalistas que o tramo da rúa Doutor Casares máis próximo ao centro...

Mario Obrero presenta o libro ‘Con e de curcuspín’ este 26 de maio na Pobra do Brollón

Con e de curcuspín é un ensaio no que a reflexión lingüístico-literaria mestúrase coa...

Un ferido nun accidente de tráfico na LU-109 en Monforte de Lemos

Un condutor resultou ferido este sábado en Monforte de Lemos ao impactar contra unha árbore o...

O IES A Pinguela participou nas ‘Rutas Científicas, Artísticas e Literarias’ do Ministerio de Educación

23 alumnos de 2º ESO A+B do IES A Pinguela remataron a súa participación...