A inflación disparada, cun aumento do 13,8 % na cesta da compra con respecto ao pasado ano, está impactando con forza nos petos da cidadanía e comer de xeito saudable faise máis difícil porque os produtos que axudan a unha alimentación sa están aumentando máis que o resto.
Diante desta realidade, que limita o acceso a unha alimentación óptima ás familias máis vulnerables e con menos recursos, a Cruz Vermella impulsa dende hai meses o seu proxecto ‘Alimentación consciente’, acción que promove hábitos que poden axudar a facerlle fronte á suba de prezos.
Entre os consellos que se trasladan á poboación están, por exemplo, a conservación correcta dos alimentos, evitar o desperdicio, distinguir entre data de consumo preferente e data de caducidade, reutilizar alimentos cociñados e non consumidos ou escoller os produtos de tempada. Neste senso tamén remarcan que cómpre ter en conta unha estratexia, planificando a compra e seleccionando alimentos saudables que estean máis económicos no mercado en cada momento.
Xunto con estes consellos, outras accións paralelas son, por exemplo, a difusión na súa web de receitas con produtos de tempada, saudables e nutritivos, doados de cociñar incluíndo ademais ideas para o aproveitamento; e charlas sobre alimentación sa e accións de sensibilización como excursións, rutas e obradoiros.
DECÁLOGO DE CONSELLOS PARA UNA ALIMENTACIÓN SAUDABLE
1-Non facer compras compulsivas nin deixarse levar polas campañas publicitarias á hora de mercar. Ás veces éntrannos as cousas polos ollos, pero nin as necesitamos nin adoitan ser saudables.
2-É recomendable comparar prezos en diferentes lugares. Aínda que sexan uns céntimos, en varios produtos da cesta da compra xa se pode ver aforro.
3-Preparar a listaxe da compra con antelación sabendo que necesitamos, calculando tamén as cantidades e medidas que fan falta. Hai produtos que caen no carro que non nos fan falta, limitarse a mercar o que entre na nosa planificación.
4-Diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente para evitar desperdicio e poder aforrar. Con data de consumo preferente, os alimentos aínda se poden comer.
5-Mercar e consumir produtos de proximidade e de tempada.
6-Sempre que haxa opción, acudir a comercios onde se poda mercar produtos a granel. Deste xeito mércase a cantidade que se necesita e ademais evítanse envases.
7-Escapar dos produtos procesados. Son os peores para a saúde e moitas veces tamén para o peto.
8-Dedicar tempo a buscar receitas tradicionais e cociñar con calma como o facían as nosas avoas.
9-Menos proteína animal e máis legumes. Non eliminar o consumo de carne pero limitala e comer máis froita, verdura, legume, froitos secos, cereais e hortalizas.
10-Non desperdiciar comida polo feito de que non teña xa un aspecto lucido e brillante como cando se mercou, referímonos a verduras, froitas, etc.
SITUACIÓN EN LUGO SUR
Falamos con Manuel María López González, Responsable Provincial de Marca y Comunicación da Cruz Roja en Lugo.
–Está aumentando moito o número de familias ás que axudades no Sur de Lugo por mor da suba de prezos?
Si, pero non por esa razón senón polo aumento de familias inmigrantes.
–Tivestes que aumentar as accións de recollida de alimentos?
Cruz Vermella non recolle alimentos, so distribuímos a axuda do Fead Fondo Europeo de axuda a persoas máis desfavorecidas. A campaña en Monforte foron 23.000 quilos a distribuír e en próximos días chegaremos a unhas 200 familias.
–A importancia dunha alimentación equilibrada e saudable corre agora un grave risco para moita xente. Que accións impulsades dende a Cruz Vermella para combater este problema?
Promoción de hábitos saudables e aforro enerxético entre os novos usuarios.
–Tedes algunha acción relacionada co desperdicio de alimentos no comercio, restauración e supermercados?
Non.
–Como podemos colaborar coa Cruz Vermella para axudar aos máis vulnerables diante da suba de prezos da cesta da compra?
A mellor forma de colaborar é facerse socio da Cruz Vermella.