Iniciosociedade“El secreto del Monje”, o primeiro ‘escape room’ entre viñedos de Galicia

“El secreto del Monje”, o primeiro ‘escape room’ entre viñedos de Galicia

Dous emprendedores de Pantón botaron a andar esta idea antes do verán e o resultado foi todo un éxito. No mes de agosto tiveron reservas todos os días con grupos de todas as idades. Falamos con Marcos, ‘armadanzas’ desta iniciativa, e con Eva, unha mestre dos Escolapios de Monforte que foi cun grupo de rapaces do proxecto Erasmus o 17 de outubro.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Segundo nos conta Marcos, un dos piares do proxecto xunto con Reda –a súa compañeira–, a idea xorde falando con Pilar da Casa dos Muros de Pantón. “Ela ten tres escape room en marcha e meteume o gusanillo”, confesa Marcos.

Coñecendo esta iniciativa que estaba funcionando na Ribeira Sacra, e estando un día na viña que ten en Pantón, pensou que podía ser boa idea montar un xogo dese tipo alí. “Comenteille a Cuqui –Pilar da Casa dos Muros– e ela ao principio non o vía, pero eu seguín para adiante. Montei unha historia arredor do monxe Benito e empecei a crear as probas. Despois paseinas a limpo e ensineillas a Cuqui. Gustáronlle moito e flipou ao ver que me levara tan pouco tempo”, explica Marcos.

A todo isto, en xuño Marcos e Reda empezaron a darlle para adiante ao proxecto. Axeitaron a historia dun monxe ao que lle puxeron Benito e que dá título ao xogo –El secreto del Monje–, tiveron que crear un logo, ambientar o percorrido pola viña construíndo un miradoiro de madeira, colocando cruceiros, levando unha barrica grande de viño, un carro de vacas, etc.

Con todo, o primeiro xogo foi en agosto e Cuqui, a súa amiga, foi a primeira en probalo. A partir desta estrea, a cousa funcionou coma un tiro e Marcos conta que non tiveron días libres ese mes, calculando que cara o día 20 de agosto xa pasaran unhas 1200 persoas.

“… calculando que cara o día 20 de agosto xa pasaran unhas 1200 persoas”

REDES SOCIAIS E PUBLICIDADE DIRECTA

Preguntamos polo éxito precoz desta iniciativa e Marcos explica que traballaron moito a publicidade e as redes sociais. Deulles moi bo resultado a publicidade directa, repartindo folletos por diferentes enclaves da Ribeira Sacra, e o recurso das redes sociais para dar a coñecer o proxecto e captar clientela.

E como non, un bo posicionamento en Google para que á pregunta “Que facer na Ribeira Sacra?” saíse a opción de xogar a “El secreto del Monje”.

“Estamos sorprendidos da xente que pasou por aquí e o ben que o pasaron, deixando boas críticas nas redes”, comenta o noso interlocutor.

Logotipo obra de Estudio Gnomo de Pantón

UN ‘ESCAPE ROOM EN VIÑEDOS’

“Cremos que é o primeiro escape room en viñedos de Galicia”, di Marcos ao tempo que explica que se documentou bastante para buscar algo semellante e, seica, a nivel de Galicia polo menos non atopou nada.

“Cremos que é o primeiro escape room en viñedos de Galicia”

O xogo, adaptado para todos os públicos, ademais do entretemento e a intriga para ir pasando as probas, serve para coñecer mitos e lendas de Galicia, o patrimonio cultural e histórico de Pantón e a cultura do viño.

Ao chegaren, dáselles a benvida aos equipos e despois as instrucións. A través dunha ligazón que reciben no móbil van accedendo ás pistas para superar un total de 8 probas que transcorren en diferentes puntos do viñedo. A media de tempo para chegar ao final é duns 50 ou 60 minutos e o premio final é unha botella de viño que se goza dende o miradoiro cun brinde final. A organización vai seguindo aos grupos para dar apoio se o necesitaran.

No que respecta aos grupos participantes, Marcos dinos que houbo de todas as idades, feito que lles sorprendeu. “Tivemos un grupo de amigos, varias parellas que pasaban dos 75 anos e pasárono xenial. Parecía que volvían a ser nenos e eu tamén disfrutei moito con eles”, explica.

E vendo que funcionaba moi ben tamén entre a xente nova, agora están a facer reservas para colexios. Xa tiveron un grupo de Pontevedra e o luns 17 de outubro foron rapaces e mestres do Colexio Padres Escolapios de Monforte.

Saúdo do grupo Erasmus do Colexio Padres Escolapios. Foto: ‘El secreto del Monje’

VISITA DO COLEXIO PADRES ESCOLAPIOS

Falamos con Eva Carrera, coordinadora do proxecto Erasmus do Colexio Padres Escolapios para coñecer como viviron esta experiencia participando en “El Secreto del Monje”.

Como coñecestes da existencia de “El secreto del Monje”?

A través das redes sociais, concretamente Instagram.

Cal foi o motivo da vosa visita?

Esta semana estamos co proxecto Erasmus e temos alumnado de Polonia, Portugal e Italia que conviven con alumnos/as do noso colexio. Para romper o xeo entre eles e que se coñezan, o que chamamos “Icebreaking Game”, pensamos que ir a Pantón a “El Secreto del Monje”, para ter esa primeira xornada de convivencia divertíndose cun xogo cooperativo, podía ser unha boa idea.

Cantos erades?

En total uns 45 alumnos/as, dous profes de cada país, eu e tamén María Rodríguez, mestre de inglés de Primaria.

Pasárono ben os rapaces?

Din que estupendo, pasárono xenial e remataron brindando con mosto.. viñeron encantados. Chamoulles a atención as probas e aprenderon moitas cousas da Ribeira Sacra.

Era a súa primeira visita á Ribeira Sacra?

Para algúns si, outros repetían.

“Chamoulles a atención as probas e aprenderon moitas cousas da Ribeira Sacra”

Que vos queda por diante esta semana co proxecto Erasmus?

Este ano o tema central do proxecto son as enerxías renovables co cal visitaremos varios parques eólicos de Galicia. O proxecto chámase “Save the Nature From Human Being”.

Antes de despedirnos, Eva dime que para xaneiro, mes no que teñen reunión de profesores do grupo Erasmus nos Escolapios, volverán a Pantón para facer, esta vez só eles, o ‘escape room entre viñedos’.

Rapaces do proxecto Erasmus do colexio Padres Escolapios de Monforte polo medio da viña. Foto: ‘El secreto del Monje’

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...