A actividade, que se imparte como proxecto piloto, quere incidir nas medidas ergonómicas e de prevención de riscos no coidado das persoas dependentes e ofrecer a todas as persoas participantes no obradoiro formación en primeiros auxilios.
O Issga está a implicarse na integración da prevención de riscos laborais na formación que se imparte nos obradoiros de emprego. O seu persoal técnico desprázase, neste caso a Chantada, para expoñer ao alumnado do módulo de atención sociosanitaria a campaña dirixida ao coidado das persoas con dependencia.
Daranse a coñecer os principais riscos e medidas de prevención para evitar a aparición de danos para a saúde nesta actividade laboral que se ocupa do coidado das persoas, altamente feminizada e que seguirá en incremento nos vindeiros anos. Utilizarase como base o material elaborado polo Issga para esta campaña co obxectivo de incidir na correcta xestión dos riscos dende tres enfoques principais: a prevención dos trastornos musculoesqueléticos, os riscos biolóxicos e os riscos psicosociais.
A primeira parte da xornada focalizada na área dos coidados celebrarase entre as 10,30 h. e as 12,30 h. e abordará explicacións acerca de como mobilizar persoas, evitar contaxios de enfermidades ou que facer ante caso de accidentes, como as salpicaduras con fluídos, para a prevención do risco biolóxico. Durante o cursos prestarase especial atención aos riscos psicosociais das persoas traballadoras na área dos coidados.
Á segunda parte da sesión, que se celebrará entre as 13,00 h. e as 14,00, incorporarase tamén o alumnado de albanelería e xardinería que recibirá formación en primeiros auxilios impartida por persoal de enfermaría do Issga. Neste caso abordaranse as actuacións e técnicas a aplicar cando é necesario atender a unha persoa accidentada, para actuar con inmediatez ata a chegada do equipo médico profesional para non agravar as lesións producidas e incluso poder salvarlle a vida.