O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este sábado o dispositivo de alumeado de Nadal que o Concello está a instalar nas rúas do municipio. O Concello destina a este fin un investimento de 52.000 euros. “Isto suporá a maior inversión en alumeado de Nadal na historia de Monforte, cun incremento en relación co ano anterior, de 2.000 euros, o que representa un 4% de aumento”, subliñou o Alcalde. “O noso obxectivo con esta importante inversión no alumeado da cidade”, destacou o rexedor monfortino, “é dinamizar o Nadal en Monforte e animar ós monfortinos e ás persoas que nos visitan, a que saían á rúa, que disfruten da cidade e que se animen a mercar no noso comercio e a consumir na nosa hostalería”.
O alumeado encenderase o venres, 2 de decembro, ás 6.30 da tarde, e apagarase o domingo día 8 de xaneiro, permanecendo en servizo 38 días, o mesmo número que en 2021. Para contribuír co aforro enerxético, reducirase o horario de encendido: se no ano 2021 era de 18:30 a 3 da madrugada, este ano 2022, será de 18:30 a 1 da madrugada.
Unha das principais novidades será a iluminación da Torre da Homenaxe, na que a través de proxectores exteriores, levaranse a cabo 4 proxeccións distintas, unha en cada cara da Torre. Tamén se extenderá a iluminación a 4 novas rúas, sendo un total de 64 rúas, un 6% máis que en 2021, as que conten con arcos. En concreto, as novas rúas con iluminación serán a rúa Blanco Amor (2 arcos), Praza do Conde (1), rúa do Conde á altura do edificio Espinosa (1) e San Lázaro (3). Haberá un novo cono central na rúa do Cardenal, a modo de árbore de Nadal, de 17 metros de alto por 6 metros de diámetro, e na Praza de España haberá un Paquete regalo. Contarán con paso interior “para que a xente poida facerse fotos no seu interior e para inxectar ilusión e alegría nas persoas que viven ou que visitan Monforte”.
Ademais das 64 rúas iluminadas con arcos, tamén estarán adornadas a Torre da Homenaxe, a Praza de España, o Campo de San Antonio, a Praza de Carude, a Praza dos Chaos, a Praza da Estación, e 7 arcos de “Bo Nadal” que se ubicarán nas entradas á cidade de Monforte. Tamén será adornado coa Estrela de Nadal o cedro que se atopa entre a Praza das Casitas e a explanada da Compañía, “como unha guía que nos conduza cara a un ano mellor para todos”.
Para complementar o alumeado de Nadal, tamén funcionarán as fontes da cidade todos os días en horario reducido ata as 10 da noite, de xeito particular, as fontes que teñen iluminación, como a da Estación, a das Casitas ou a do Parque da Compañía.