IniciosociedadeCase 600.000€ investiu Quiroga en 4 anos para promocionar o turismo

Case 600.000€ investiu Quiroga en 4 anos para promocionar o turismo

Nestes últimos catro anos o Concello de Quiroga investiu 597.920€ en conservar o Patrimonio Cultural e Natural e en fomentar o turismo. No 2019 foron 151.186 €, 170.490€ no 2020 e 194.742€ no 2021. Neste 2022 o investimento baixou ata os 79.502 €.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O concello de Quiroga aposta por ofrecer o mellor deste municipio integrado no Xeoparque Montañas do Courel, cunha gran parte do territorio na Rede Natura 2000, que acolle un longo tramo do Camiño de Inverno e que forma parte da reserva da biosfera Ribeira Sacra e serra do Oribio – Courel. Tendo dous recoñecementos que concede a Unesco – Xeoparque e Reserva da Biosfera – e aspirando tamén a ter un terceiro, o de ser Patrimonio da Humanidade formando parte da Ribeira Sacra. Motivos todos eles para seguir investindo neste campo.

Os maiores investimentos dos últimos catro anos destináronse ás ampliacións realizadas no Museo Xeolóxico de Quiroga, que incluíndo o acondicionamento do soportal da entrada superou os 280.000 €. A mellora da vía principal dos Novais, dentro do Camiño de Inverno (78.612 €); o acondicionamento da área para autocarabanas (48.382 €); a mellora da pista do despegue de parapente e o miradoiro de Vilañán (36.300 €) e a sinalización do Xeoparque Montañas do Courel (24.587 €).

A mellora dos recursos da Rede Natura 2000; o mantemento da rede de miradoiros; o acondicionamento de accesos a fervenzas e creación da ruta das fervenzas; a posta en valor do Castro de Penadominga ou o mantemento do mobiliario interpretativo dos diferentes recursos turísticos foron outras das intervencións financiadas.

Neste 2022 hai varios proxectos importantes a nivel turístico nos que se está traballando: A creación do “Museo ao aire libre: Quiroga e os seus escritores”, as novas páxinas webs dos museos que permitirán a interpretación destes recursos a través de códigos QR, a recuperación da Ponte do Castelo -dentro do Camiño de Inverno- e a recuperación da zona da Lagoa da Lucenza, danada polos incendios deste verán. Todos eles encamiñados a recuperar, conservar e ampliar a oferta turística para os visitantes do municipio. “Por actuacións de promoción  turística como estas foi polas que o Concello de Quiroga foi o primeiro de toda a zona sur da provincia en obter a bandeira verde que dende hai anos ondea no balcón da Casa Consistorial”, aseguran desde o concello.

Reparación da traída municipal de auga

Continúan as obras de reparación da acometida de auga á Quiroga que fora danada polos incendios forestais do pasado mes de xullo. Nestas reparacións están traballando dúas empresas (unha encargándose da parte alta da captación e a outra traballando na parte baixa) para realizar os traballos no menor tempo posible.

Segundo matizou o Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, as actuacións do restablecemento das infraestruturas de abastecemento danadas polos incendios forestais que son moi urxentes e necesarias, engloban o cambio da tubaxe queimada e tamén facer un sistema de derivación para cando sexa preciso e poder bombear desde a Bergaza. Este sistema de derivación permitirá coller a auga no último tramo do río Ferreiriño, evitando problemas en caso de choivas intensas cos arrastres na zona de captación, ou outros que poidan xurdir.

Ante a situación de risco extremo de quedar sen abastecemento municipal desta traída que fornece a varios depósitos cos que se da servizo a 1.289 usuarios das parroquias da Ermida e Hospital así como á totalidade do casco urbano de Quiroga, a Xunta de Goberno Municipal decretaba pouco despois do incendio a urxencia de realizar estas reparacións.

A totalidade do financiamento da reparación da acometida de auga correrá a cargo de Augas de Galicia, grazas a un convenio asinado entre a Conselleira  de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel  Vázquez, e  o alcalde do Concello de Quiroga, Julio Álvarez, cun importe de 138.663,58€.

Auga Quiroga obras / Concello de Quiroga

ÚLTIMAS

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...