As bases que se poden consultar na web e nas redes sociais do concello, recollen que, poderá concorrer toda a poboación, con traballos en formato A3 e técnica libre. Deberán ser presentados en soporte ríxido para facilitar a súa exposición. Só se pode presentar un cartel por autor ou autora. Quedan exentas, tal e como se ten acordado, aquelas persoas que teñan recibido o premio cando menos en dúas ocasións para permitir así o acceso a novos creadores.
Os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no patrimonio e cultura do concello de Sober. Os traballos presentados quedarán en poder do Concello de Sober. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XLIII Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man e outro material promocional. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera.
Cómo participar
Os traballos deberán ser presentados nun sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha forma de identificación. Noutro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor, tales como o nome, o enderezo e o teléfono de contacto. O cartel terá que levar de xeito obrigatorio os seguintes datos: XLIII Feira do Viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina web www.concellodesober.com e a data de celebración, 31 de marzo e 1 e 2 de abril.
A entrega de orixinais farase na Casa do Concello antes do 5 de febreiro de 2022. O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria e o cartel darase a coñecer xunto coa programación do Mes do Amandi. O xurado estará formado por persoas cualificadas na materia, reservándose a facultade de declarar deserto o premio no caso de que estimase que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes. Establécese un premio ao traballo gañador de 600 euros en metálico e unha peza de Gundivós personalizada.