Na xuntanza da pasada semana fíxose unha breve exposición da situación actual da sanidade no distrito, tanto a nivel hospitalario como en atención primaria. Púxose sobre a mesa o deterioro sanitario que se deu desde que se perdeu a área sanitaria, e sobre todo incidiuse na importancia da implicación dos partidos e sindicatos na loita contra o desmantelamento que está a sufrir a sanidade, sen importar as cores ou siglas que representen. “A resposta das forzas políticas foi un apoio unánime, facéndonos incluso o ofrecemento de participar en plenos de varios concellos para comentar a situación sanitaria e buscar solucións a esta problemática entre todos. Dende a plataforma queremos dar as grazas a todos os que acudiron á nosa chamada e nos ofreceron o seu apoio na defensa dun ben universal como é a sanidade pública”, destacan desde PLADESAPU.
Este luns a plataforma participou no pleno do concello de Monforte de Lemos mediante unha moción de urxencia presentada ese mesmo día pola mañá. Alí defendeuse esta nova etapa da Plataforma e como xa ocorrera na reunión da pasada semana, todos os grupos políticos deron o seu apoio, coincidindo en que a situación sanitaria na zona é alarmante e hai que actuar xa.
A Plataforma convoca unha concentración de protesta para o próximo luns, 6 de febreiro, ás 20h na Praza de España de Monforte. Para elo solicitan a colaboración de partidos e sindicatos, “ademais todo o mundo é máis que benvido a unirse a nós ese día e loitar polo seu dereito a ter unha atención
sanitaria de calidade”, insisten.
Á situación de Monforte engaden o caso de Pantón, onde levan meses á espera do médico que se lles prometeu, “Estes días puidemos charlar coa veciñanza de Pantón, entre outras cousas participando na reunión anual da Asociación de montes comunais de Pantón para falar sobre a plataforma, a situación da sanidade a nivel da zona sur de Lugo e sobre todo no seu concello, onde seguen sen o médico prometido.”