1.650 familias do centro de Monforte contan coa conexión de alto rendemento que proporciona Adamo, con ata 1.000 Mb de velocidade. O despregamento, recentemente concluído, foi executado para a empresa por Rede Aberta, o seu colaborador na zona.
A presenza de Adamo non é nova no concello, debido a que 600 vivendas situadas fora do centro histórico tiñan previamente Internet ultrarrápido fornecido pola empresa. Así, son 2.250 inmobles de Monforte os que se benefician da infraestrutura dentro dun plan de expansión que Adamo está a desenvolver no sur da provincia. Comezouse cos 2.600 domicilios xa cableados na Ulloa, Chantada e Terra de Lemos. O crecemento seguirá nas tres comarcas: na primeira, en Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei; na segunda, nos municipios de Chantada, Taboada e Carballedo; mentres que, na terceira, o operador engadirá Bóveda e A Pobra do Brollón.
Proxectos Acelera Peme e Kit Dixital
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o director xeral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra e subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez visitaron este mércores Monforte de Lemos. Foron recibidos polo alcalde de Monforte, José Tomé, e mantiveron unha reunión con 30 empresarios e empresarias da comarca de Lemos para avaliar o impacto do programa Kit Dixital e das liñas de transformación dixital de pemes de áreas rurais.
Durante a reunión, lembraron que as axudas do programa Kit Dixital poderán solicitarse ata decembro do ano 2024. As contías das axudas poden ser de 12.000€, 6.000€ e 2.000€ en función ao número de empregados que teña a empresa ou autónomo. Ata o día de hoxe, este Programa concedeu en Galicia 14.000 bonos dixitais o que supón que ao redor de 65 millóns de euros do Plan de Recuperación xa chegaron ás pemes de Galicia para implementar solucións básicas de dixitalización. Na provincia de Lugo, nestes momentos concedéronse uns 2.400 bonos dixitais, o que supón que máis de 9 millóns de euros dos fondos europeos xa chegaron ás pemes de Lugo para implementar as súas solucións dixitais.
O director xeral de Red.es animou ademais ás empresas tecnolóxicas da provincia para sumarse como axentes dixitalizadores a esta convocatoria. Estes axentes son os encargados de executar as solucións de dixitalización nas empresas que recibiron a axuda de Kit Dixital. En Galicia hai actualmente 561 axentes digitalizadores, que son pemes do sector tecnolóxico galego. Estas empresas xa asinaron 8.200 contratos de dixitalización, o que supón un importante volume de negocio.
O delegado do Goberno e o director xeral de Red.es subliñaron o papel das oficinas Acelera Peme no impulso á dixitalización das empresas nas zonas rurais e puxeron de exemplo á Deputación Provincial de Lugo, que forma parte desta rede desde o ano pasado. Acelera peme é un programa que busca axudar ás empresas, pemes e a persoas autónomas e emprendedoras na súa transformación dixital e, con iso, fomentar a transformación da economía e da sociedade cara a unha contorna dixital. Red.es traballa no despregamento destas oficinas en todo o territorio A última convocatoria de axudas, do ano 2022, estivo dirixida a municipios con poboacións de menos de 20.000 habitantes, co obxectivo de traballar nestes municipios e impulsar alí a adopción de tecnoloxías dixitais. Grazas a este programa, a Deputación está a ofrecer soporte e asesoramento gratuítos, tanto de forma física como dixital, ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital. Tamén realizan accións de sensibilización e apoio neste ámbito