Despois destes tempos difíciles onde a pandemia alterou o cronograma da Feira Medieval para acadar as XX edicións, haberá que esperar ao próximo ano 2024.
O cartel da XIX Edición da Feira Medieval de Monforte foi deseñado polo monfortino Xosé Carlos Quiroga conxugando varios elementos centrais da feira como son a TAU, A Torre da nosa Muralla Medieval, armaduras e xustas medievais, “que transmiten toda a forza dos defensores da Fortaleza de San Vicente do Pino, recuperando esta imaxe para a Feira Medieval”.
Vaise distribuír por toda a cidade de Monforte pero tamén por toda Galicia a través dunha empresa contratada ao efecto, poñendo especial fincapé nos próximos eventos que vai haber na nosa comarca como é a Feira do Viño de Chantada e a Feira de Amandi en Sober.
O segundo elemento é o vídeo promocional para este ano 2023, que circulará polas redes sociais, no mupi da Rúa Cardenal, na páxina web do Concello e en diferentes soportes dixitais tratando de acadar a máxima difusión posible deste evento, que está a piques de chegar á XX edición o que permitiría solicitar da Xunta de Galicia a Declaración de Feira de Interese Turístico Galego.
“Co vídeo promocional queremos celebrar a volta á normalidade continua da Feira Medieval e celebrar novamente esa normalidade que se nos arrebatou fai 3 anos. Dende o Concello entendemos que celebrar a Feira, equivale a celebrar a vida, porque iso é o que toca agora tal como destaca o audiovisual, toca vibrar todos xuntos coas actividades da Feira”, sinala o alcalde.
O vídeo corporativo que se propón este ano foi novamente feito pola produtora monfortina Amanita Studio. A proposta xira en torno a un rei que afouta ó seu pobo a unirse a unha das festividades máis importantes que se celebra en Monforte de Lemos. Coa súa impoñente voz vai guiando ó espectador nun crescendo de ritmo, vivacidade e epicidade coma non se vira en pasadas propostas.
O actor que dá vida ó rei é Borja Luna, un dos actores máis importantes do panorama español (Las chicas del Cable, Animales sin Collar ou Salvajes). A rodaxe tivo lugar no emblemático interior do Colexio dos Escolapios, cabe destacar tamén a aportación de Pedro A. Valderrey que colabora aportando todo o vestiario. A música foi realizada polo compositor asturiano Pedro Acevedo.
Pero a proposta deste ano é, sobre todo unha proposta adicada ás persoas que tal e como afirmou Tomé “son a razón principal pola que cada ano traballamos para mellorar a Feira Medieval e converternos nunha das celebracións mais esperadas do ano, tanto en Monforte como na Ribeira Sacra”.
Unha boa mostra de que o traballo de promoción que se fixo dende o Equipo de Goberno deu bos resultados é que este ano hai mais de 150 solicitudes para a instalación de postos o que supón un número moi alto en relación con eventos doutras cidades, sendo o mais elevado de todas as edicións anteriores da Feira Medieval de Monforte.
Outro elemento importante de promoción da feira será o Programa, que o Equipo de Goberno dará a coñecer durante a inauguración do mercado medieval que terá lugar os días 25 e 26 de marzo na Praza de Abastos, como xa ven sendo habitual, mercado co que pretenden animar as ventas de produtos relacionados coa feira medieval.