HomesociedadeDúas pantonesas premiadas no certame “Lingua de namorar” que convoca a Xunta

Dúas pantonesas premiadas no certame “Lingua de namorar” que convoca a Xunta

Trátase de dúas irmás, Carla López Otero e Andrea López Otero, que recibiron o terceiro premio nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35), respectivamente. É a primeira ocasión, nas doce convocatorias do certame, na que dúas persoas da mesma familia resultan premiadas.

Publicado o

- Advertisement -

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron o pasado 19 de xuño no acto de entrega dos premios aos gañadores da duodécima edición de Lingua de namorar no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. O certame en liña impulsado pola Xunta promove a creación de mensaxes de amor en galego entre a mocidade. 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deulles os parabéns aos gañadores e gañadoras animándoos/as “a continuar empregando o galego para relacionarse coas persoas máis próximas e para comunicarse na rede” e lembroulles que a Xunta de Galicia “traballa, xunto con outras entidades galegas, no Proxecto Nós, que está destinado a fornecernos de ferramentas que nos permitan interactuar coa tecnoloxía en galego ao mesmo nivel ca nas linguas do mundo con maior número de falantes”.

Pola súa parte, a representante da Consellería de Política Social destacou que esta nova edición de Lingua de namorar puxo de manifesto, unha vez máis, que Galicia ten unha mocidade talentosa e creativa. Un enxeño que manifestan cada vez que teñen a ocasión de facelo, como no caso doutro certame impulsado pola Xunta como é Xuventude Crea. 

Entrega de premios ‘Lingua de namorar’. Foto: Prensa Xunta de Galicia.

PREMIOS “LINGUA DE NAMORAR” 2023

Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) recolleu o seu galardón a pantonesa Carla López Otero, terceiro premio pola declaración de amor titulada Translúcidas chinasNon puideron asistir para recoller o segundo e o primeiro premio, respectivamente, o coruñés Santiago Sánchez Vilarino, galardoado pola mensaxe Distancia, e a ourensá Alba Guzmán, premiada pola súa mensaxe Chover ten que chover. 

Na categoría B (de 20 a 35 anos) recibiron os seus galardóns a lalinense Eva González Blanco, primeiro premio pola mensaxe Áncora; Clara Pérez Martínez, da Bola, segundo premio pola composición Morriñada, e Andrea López Otero, de Pantón, terceiro premio polo poema Entre as cinzas. 

Os dous primeiros premiados de cada unha destas categorías recibiron unha tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos. Todos e todas recibiron, a maiores, un lote de libros e un diploma acreditativo do certame. 

Andrea López na presentación da novela no Círculo Saviñao. Foto: E. Sampil.

O CURIOSO CASO DE CARLA E ANDREA

Carla e Andrea son dúas irmáns de Pantón que veñen de acadar o terceiro premio no concurso literario “Lingua de namorar” que promove a Xunta para fomentar a creatividade literaria entre a mocidade a través de mensaxes de amor en galego. 

Pois ben, dáse a casualidade de ser a primeira ocasión, nas doce convocatorias do certame, na que dúas persoas da mesma familia resultan premiadas. Falamos con Andrea López, e cóntanos como foi o conto, “paseille por was á miña irmá a convocatoria por se quería presentarse e xa non lle volvín preguntar… nin sabía que se presentara e cando vin que gañara levei unha sorpresa, non o cría”.

Ademais, sabemos por ela que a súa irmá, Carla López, tamén ten afección pola escrita tendo gañado premios en concursos de relatos e poesía. Actualmente ten 18 anos e o vindeiro curso empezará a carreira de veterinaria.

AS OBRAS PREMIADAS

A de Carla López titúlase: “Translúcidas chinas”

Cólleme da man e imos capar o río. Tres pedriñas afundirán, eu fundireime contigo, e as chinas viaxarán río abaixo ata dar cun inmenso mar de lágrimas de felicidade, e quedarán pulidas, e romperán en anacos, e volverán a fusionarse, e cambiarán de cor cos anos… Eu quixera amarte coa mesma forza coa que os tres nimios obxectos cabalgaron a vida.

A de Andrea López titúlase: “Entre as cinzas”

saboreo

doce

o caos

da túa lingoa

coa miña,

incendiada,

nun lume

que se aviva

feroz

silencioso

e asulagador

entre a pel,

ameazante

coa destrución.

ÚLTIMAS

O programa para a XXI Feira Medieval darase a coñecer na inauguración do ‘mercado temático’ da Praza de Abastos de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará este sábado día 5 de abril ás...

Agreden a un árbitro menor de idade tras o partido entre o Calansancio e o Arenteiro

A familia dun árbitro de 16 anos presentou unha denuncia ante a Policía Nacional...

O Concello de Chantada inviste 53.000€ na adecuación da contorna da igrexa de Santa María de Nogueira

O Concello de Chantada conta cunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia de...

Monforte estrea pistas de tenis con plataforma automatizada de alugueiro

Rematan as obras de reparación das pistas de tenis municipais consistentes na mellora do...