HomesociedadeDúas pantonesas premiadas no certame “Lingua de namorar” que convoca a Xunta

Dúas pantonesas premiadas no certame “Lingua de namorar” que convoca a Xunta

Trátase de dúas irmás, Carla López Otero e Andrea López Otero, que recibiron o terceiro premio nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35), respectivamente. É a primeira ocasión, nas doce convocatorias do certame, na que dúas persoas da mesma familia resultan premiadas.

Publicado o

- Advertisement -

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron o pasado 19 de xuño no acto de entrega dos premios aos gañadores da duodécima edición de Lingua de namorar no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. O certame en liña impulsado pola Xunta promove a creación de mensaxes de amor en galego entre a mocidade. 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deulles os parabéns aos gañadores e gañadoras animándoos/as “a continuar empregando o galego para relacionarse coas persoas máis próximas e para comunicarse na rede” e lembroulles que a Xunta de Galicia “traballa, xunto con outras entidades galegas, no Proxecto Nós, que está destinado a fornecernos de ferramentas que nos permitan interactuar coa tecnoloxía en galego ao mesmo nivel ca nas linguas do mundo con maior número de falantes”.

Pola súa parte, a representante da Consellería de Política Social destacou que esta nova edición de Lingua de namorar puxo de manifesto, unha vez máis, que Galicia ten unha mocidade talentosa e creativa. Un enxeño que manifestan cada vez que teñen a ocasión de facelo, como no caso doutro certame impulsado pola Xunta como é Xuventude Crea. 

Entrega de premios ‘Lingua de namorar’. Foto: Prensa Xunta de Galicia.

PREMIOS “LINGUA DE NAMORAR” 2023

Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) recolleu o seu galardón a pantonesa Carla López Otero, terceiro premio pola declaración de amor titulada Translúcidas chinasNon puideron asistir para recoller o segundo e o primeiro premio, respectivamente, o coruñés Santiago Sánchez Vilarino, galardoado pola mensaxe Distancia, e a ourensá Alba Guzmán, premiada pola súa mensaxe Chover ten que chover. 

Na categoría B (de 20 a 35 anos) recibiron os seus galardóns a lalinense Eva González Blanco, primeiro premio pola mensaxe Áncora; Clara Pérez Martínez, da Bola, segundo premio pola composición Morriñada, e Andrea López Otero, de Pantón, terceiro premio polo poema Entre as cinzas. 

Os dous primeiros premiados de cada unha destas categorías recibiron unha tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos. Todos e todas recibiron, a maiores, un lote de libros e un diploma acreditativo do certame. 

Andrea López na presentación da novela no Círculo Saviñao. Foto: E. Sampil.

O CURIOSO CASO DE CARLA E ANDREA

Carla e Andrea son dúas irmáns de Pantón que veñen de acadar o terceiro premio no concurso literario “Lingua de namorar” que promove a Xunta para fomentar a creatividade literaria entre a mocidade a través de mensaxes de amor en galego. 

Pois ben, dáse a casualidade de ser a primeira ocasión, nas doce convocatorias do certame, na que dúas persoas da mesma familia resultan premiadas. Falamos con Andrea López, e cóntanos como foi o conto, “paseille por was á miña irmá a convocatoria por se quería presentarse e xa non lle volvín preguntar… nin sabía que se presentara e cando vin que gañara levei unha sorpresa, non o cría”.

Ademais, sabemos por ela que a súa irmá, Carla López, tamén ten afección pola escrita tendo gañado premios en concursos de relatos e poesía. Actualmente ten 18 anos e o vindeiro curso empezará a carreira de veterinaria.

AS OBRAS PREMIADAS

A de Carla López titúlase: “Translúcidas chinas”

Cólleme da man e imos capar o río. Tres pedriñas afundirán, eu fundireime contigo, e as chinas viaxarán río abaixo ata dar cun inmenso mar de lágrimas de felicidade, e quedarán pulidas, e romperán en anacos, e volverán a fusionarse, e cambiarán de cor cos anos… Eu quixera amarte coa mesma forza coa que os tres nimios obxectos cabalgaron a vida.

A de Andrea López titúlase: “Entre as cinzas”

saboreo

doce

o caos

da túa lingoa

coa miña,

incendiada,

nun lume

que se aviva

feroz

silencioso

e asulagador

entre a pel,

ameazante

coa destrución.

ÚLTIMAS

“A Embelesadora”, nova ruta sensorial no Concello de Taboada

A Embelesadora preséntase como unha ruta sensorial na que sobre todo importa contemplar, ulir,...

XII Ruta 4×4 Comarca de Sarria, do 15 ao 16 de novembro

Esta semana presentouse a XII Ruta 4x4 Comarca de Sarria, que se celebrará do...

Desde o 1 de xuño sen plenos no Concello de Ribas de Sil

Lembran os populares que ao comezo da actual lexislatura todos os grupos políticos con...

Monforte homenaxea a figura do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, represaliado polo réxime franquista en Celanova en 1943

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu este luns na Casa da Cultura...