Ante o aumento da demanda de axudas para mercar libros de texto e material escolar, o equipo de goberno do Concello de Monforte vén de incrementar en algo máis de 5.000 euros as axudas no ano 2022. Así, pois, este ano serán 25.000 euros o importe total dispoñible para esta liña de colaboración coas familias.
As solicitudes resoltas favorablemente neste ano 2023 son 182 e as contías serán aboadas mediante a entrega dun vale.
As axudas teñen como finalidade apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar os gastos que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro.
Estas axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario están destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2023/2024 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
COMO FACER VALER AS AXUDAS?
Os vales axuda poderán ser recollidos dende hoxe luns 14 de agosto na Secretaría do centro de Servizos Sociais do Concello emprazada no primeiro andar do centro Cívico Social (Paseo Malecón s/n).
A data límite para a súa recollida será o 14 de setembro e a data de caducidade dos vales será o 20 de outubro de 2023. No caso de non retirar o vale no prazo establecido entenderase existe unha renuncia tácita e procederase a anular o vale. Do mesmo xeito, anularanse os vales cando se presente a renuncia expresa.
O importe destas axudas vai dende os 73 euros ata os 345 euros, dependendo do número de fillos ou fillas por familia e do curso que estuden. No caso do alumnado pendente de matrícula en setembro a entrega do vale estará condicionada á presentación do certificado de matriculación no curso 2023/24.
O vale para adquirir os libros e material escolar poderase facer efectivo en calquera librería do municipio de Monforte de Lemos e polo importe máximo que figura no documento. Se o importe do material e libros excede do vale a librería terá que facturar ao cliente a diferenza, e se o importe do mercado é menor ao do vale, o beneficiario perderá a diferenza. Os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.
Unha vez entregado o material escolar a persoa solicitante entregará o vale asinado ao establecemento que quedará en posesión do mesmo, autorizando a persoa beneficiaria da axuda á cesión do cobro desta ó establecemento autorizado. En caso de extravío do vale tanto pola persoa beneficiaria coma por libraría non se expedirá un novo vale.