Santa Cruz de Brosmos, en Sober, celebra estes días a súa festa na honra da Virxe do Carme. A programación comezou o venres 1 de setembro cun concurso de sobremesas caseiras, unha pancetada e a actuación dun dúo, mentres que para o sábado e o domingo están programadas diferentes actividades para todas as xeracións.
Desas actividades para a fin de semana cómpre destacar que a veciñanza terá o privilexio de contar co humorista Xosé Touriñán o sábado ás 21:00 h. interpretando un monólogo, e que o pregoeiro será o expresidente e fundador do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González.
A chegada do humorista galego, así como o resto de propostas que inclúe o programa: ofrenda aos músicos da Banda de Santa Cruz de Brosmos, actuación da Banda de Sober, inchables, tiro con arco, partido de fútbol, ruta de bicicletas de montaña, orquestra Florida, alborada dos grupos tradicionais Érbedo e Os teixeiras, actuación do grupo Trícole… son posibles grazas á empresa cervexeira Hijos de Rivera.
Baixo a iniciativa ‘A Nosa Verbena’ esta empresa galega apoia economicamente a recuperación e celebración de festas populares valorando para iso varios condicionantes como a programación, o compoñente de despoboamento rural, a recuperación de tradicións, etc. A proposta desta parroquia soberina conseguiu ser seleccionada entre 200 candidaturas.