HomesociedadeO profesor monfortino Javier Saco, outra vez entre os mellores de España

O profesor monfortino Javier Saco, outra vez entre os mellores de España

Días atrás coñecíase a nominación aos premios Educa Abanca deste mestre do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos. É o único docente galego seleccionado na categoría ESO e Bacharelato.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O profesor Javier Saco Fernández está de novo incluído entre os mellores profesores de España, ao formar parte da lista de 10 candidatos aos premios Educa Abanca en Secundaria e Bacharelato, sendo o único de Galicia seleccionado nesta categoría.

Algúns dos motivos máis destacados do curso 2022-23 polos que foi seleccionado o mestre monfortino foron os seguintes:

-O proxecto educativo “El rincón de Leonardo” impulsado dende o Colexio Padres Escolapios para favorecer o benestar emocional do alumnado, potenciando a súa autoestima e a súa creatividade. Con el trátase de reaccionar ante a mala influencia que moitas veces exerce a tecnoloxía e a contorna tóxica na que vivimos. O Club de Leonardo é o grupo de alumnos e alumnas deste centro que decidiron participar activamente desta idea, fomentando esta mentalidade positiva como axentes de cambio social. Unha das actividades máis proveitosas que levou a cabo este grupo durante o pasado curso foi a realización dun programa de radio. Ao longo de 5 programas nos que interviñeron 19 alumnos e alumnas divulgáronse diversos contidos relacionados co uso responsable da internet, e reflexións orientadas a fomentar valores como o respecto, a igualdade, procurando incentivar a dignidade e a autoestima do alumnado. O proxecto, ademais de ter a súa propia web, tamén se divulga a través de distintas redes sociais como Youtube, Instagram, Facebook e TikTok.

Campaña de concienciación en redes –Curso 22-23– denominada #MeGustaComoEres e composta, ata o momento, por dous vídeos tipo “reel” que fan reflexionar sobre as malas influencias ás que podemos estar sometidos a través das redes sociais e ante as que debemos estar preparados, valorando o bo que temos e fomentando así a nosa autoestima. En tan só 6 meses estas mensaxes alcanzaron preto de 10.000 visualizacións a través das distintas redes do proxecto, o que dá unha idea da estupenda acollida que tivo esta iniciativa.

-Desenvolvemento de varios proxectos de curtametraxes no centro que serviron para incentivar a creatividade do alumnado, pero tamén para educar en valores. O pasado curso, a última das curtas que dirixiu co seu alumnado, “La chica de la ventana” foi galardoada co primeiro premio do certame Cineduca que organiza cada ano o Ateneo de Santiago. Co fin de darlle máis valor a este traballo, Javier Saco dinamizou a realización dunha reportaxe que expón o proceso creativo que se seguiu, e no que se inclúen testemuños de distintas persoas que contribuíron a este traballo tan especial. A curtametraxe foi tamén presentada nos “Encontros de Cinema” de Viana do Castelo (Portugal), unhas xornadas sobre cinema e educación ás que Javier Saco acudiu como convidado.

Participación un ano máis no Fancine de Lemos, esta vez nunha nova sección de micro-relatos de 20 segundos coa curta “VR”. A obra expón como as redes sociais impoñen modelos físicos irreais baseados en filtros que van distorsionando a percepción que temos de nós mesmos, deixándonos indefensos nun mundo “virtualizado” do que nos dá medo saír. O resultado foi máis que satisfactorio recibindo do Fancine o Premio do Público.

Cinema Solidadio. Outra interesante iniciativa relacionada co cinema levada a cabo durante o pasado curso consistiu en proxectar nunha sala de cinema tres curtametraxes realizadas no Colexio Padres Escolapios e dirixidas polo propio Javier Saco. Foi unha proxección solidaria e a recadación da sesión foi destinada integramente á Asociación Cultural “Luís Nieves”, a cal outorga anualmente unha bolsa musical para aquelas persoas que carecen de recursos económicos para iniciar ou continuar os seus estudos musicais. Esta iniciativa buscaba fomentar a creatividade e a solidariedade entre o alumnado favorecendo á súa vez a igualdade de oportunidades no acceso á cultura.

Gañar o certame “Ciberseguridade no cole”. Saco levou ao colexio a gañar o primeiro premio do concurso “Ciberseguridade no Cole”, evento que organiza Telefónica de España para todos os colexios de Galicia. Os alumnos Luís Manuel Pérez Medina e Rubén Pereira Cagide impuxéronse na final celebrada na Cidade da Cultura de Santiago, tras acertar todas as cuestións expostas. É a segunda vez que este profesor consegue levar aos seus alumnos á vitoria neste certame nas dúas edicións disputadas.

Innovación metodolóxica e proxectos TIC. Ademais de toda a intensa actividade e os logros devanditos, a actividade docente deste profesor destaca pola innovación e a motivación que traslada ao seu alumnado. Así, expón con frecuencia dinámicas lúdicas que incentivan o esforzo, e que tamén favorecen a integración e a equidade entre os alumnos. Así mesmo, a realización de varios proxectos no ámbito das TIC, contribuíron a traballar diferentes valores e a espertar no alumnado inquietudes por analizar e divulgar contidos de gran interese.

Algúns destes proxectos TIC foron: O proxecto “Non te enredes na rede”, sobre Redes Sociais e Internet, no que se analiza e promove o comportamento ético e responsable na internet, baseado no respecto e a empatía cara aos demais. Este proxecto foi obxecto dunha breve reportaxe realizada pola Televisión de Galicia. O proxecto “Que non te enganen”, que analiza con espírito crítico, e desde unha perspectiva ética, distintos temas relacionados coa manipulación de masas ao longo da historia, fomentando deste xeito valores como a igualdade, a xustiza, o respecto, a bondade, a liberdade, a honestidade… e o proxecto “Tecnoloxía sostible”, no que se promove a responsabilidade e o respecto polo medio ambiente, pero no que tamén se fomentou moito a creatividade, posto que todos os grupos deseñaron un logo que representa un posible proxecto ambiental para Monforte.

Premio Cineduca do Ateneo de Santiago. Foto: Colexio Escolapios.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...