O prazo de presentación de solicitudes para participar no vindeiro mercado temático de outono empezou o 27 de setembro, día no que se publicaron as bases da convocatoria na páxina web do Concello, e rematará o día 25 de outubro de 2023.
O alcalde de Monforte comentaba sobre a organización do evento que “o Mercado de Outono, ten como obxectivo a promoción e divulgación da nosos produtos gastronómicos propios do outono, xa que nesta mostra reunimos ano a ano a produtores e comerciantes que aportan variada selección de produtos frescos e elaborados que non poden faltar nas comidas de outono”.
Nesta nova edición do Mercado de Outono poderán participar produtores e comerciantes do sector alimentario relacionados con produtos de tempada de outono, sobre todo os relacionados cos froitos do bosque: cogomelos, castañas, noces, marmelos, froitos do bosque, entre outros, así como aqueles produtos elaborados e transformados dos mesmos.
Para dinamizar o evento, e como atractivo engadido aos postos alimentarios, organizaranse diversas actividades divulgativas e de lecer: contacontos, obradoiros, exposicións e degustacións gastronómicas.
“Este tipo de mercados que organizamos dende a área de promoción económica do Concello, tamén son unha oportunidade para dar a coñecer novas empresas ou produtores que están a iniciar un proxecto empresarial e que poden utilizar estas instalacións como un escaparate para os seus produtos”, comentaba tamén o Alcalde.
PARA INSCRIBIRSE
Os interesados e interesadas en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude “Anexo I”, xunto coa documentación requirida nas bases de participación do Mercado, no Rexistro Xeral do Concello de Monforte, ou ben dirixirse á Axente de emprego e desenvolvemento local do Concello, nas Casitas da Compañía. Tamén se pode solicitar información no teléfono 982 884775 e no correo electrónico: emprego_pe@concellodemonforte.com.